
A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia (AFAGA), de Vigo, concederá a súa II Premio AFAGA á Universidade de Vigo (UVigo), no marco das XXIII Xornadas Internacionais sobre o Alzhéimer, que se celebran mañá, a partir do 9.00 h, no Auditorio de Afundación de Vigo, baixo o lema Idadismo e Inclusión Social. Recollerá o premio, Carmen García Mateo, reitora da UVigo, durante unha pausa nas intervencións, programada ao redor do 11.00 h.
Con este galardón, AFAGA recoñece o compromiso e o labor da institución académica viguesa e o seu ecosistema como colaboradora estratéxica en distintos proxectos de investigación e innovación tecnolóxica, deseñados para abordar novas respostas na loita contra o alzhéimer e outras demencias. Entre outros, AFAGA colaborou con atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, no testeo e desenvolvemento do axente conversacional Frida, o asistente de voz Celia para persoas maiores (este último desenvolvido na actualidade pola nova firma Serenia Solutions), o proxecto de realidade virtual inmersiva Revicog 3.0, ou o videoxogo baseado en intelixencia artificial para o cribado da deterioración cognitiva The Mind Guardian, cuxo lanzamento levouse a cabo grazas á colaboración entre Samsung España e outros partners.

En consonancia co lema da vixésimo terceira edición das Xornadas Internacionais sobre o Alzhéimer, que se celebran mañá, AFAGA premia ademais o apoio da Universidade de Vigo na loita contra o estigma do idadismo no conxunto da sociedade galega, unha das máis lonxevas do mundo.
AFAGA salienta que “a institución foi unha peza clave na creación en 2022 da Cátedra de Idadismo AFAGA-Atendo, a primeira cátedra sobre esta temática que existe en España”.
A Cátedra traballou en estreita colaboración coa Xunta de Galicia na primeira Estratexia Galega contra o Idadismo 2025-2031. Este informe inclúe medidas para cambiar a percepción negativa do envellecemento, asegurar a equidade nos servizos e promover as relacións entre distintas xeracións, co obxectivo de eliminar a discriminación por idade e fomentar unha sociedade máis inclusiva, onde as persoas maiores conten con plena participación e dereitos.
“Para AFAGA é un orgullo contar entre os nosos colaboradores cunha institución académica de prestixio como a Universidade de Vigo, a quen quero recoñecer con este II Premio AFAGA, tanto o seu labor de investigación na abordaxe das demencias con novas respostas e solucións tecnolóxicas, como o seu apoio incondicional na sensibilización e traslado de coñecemento á sociedade nos ámbitos do envellecemento e o seu desestigmatización”, sinala Juan Carlos.
Pola súa banda, a reitora da UVigo, Carmen García Mateo, agradece, en nome de toda a comunidade universitaria, este galardón e destaca a traxectoria de AFAGA, que leva máis de tres décadas acompañando ás persoas con alzhéimer e outras demencias e ás súas familias, cunha decidida aposta pola investigación e a innovación. “Este premio recoñece tamén o traballo dos nosos centros de investigación, cuxos equipos atoparon en AFAGA a experiencia e o coñecemento necesarios para desenvolver solucións tecnolóxicas axustadas ás necesidades das persoas afectadas. É unha excelente mostra do sentido que debe ter a transferencia de coñecemento nunha universidade pública: que os avances científicos contribúan a mellorar a vida das persoas”.
García Mateo reafirma a vontade de seguir estreitando a colaboración entre ambas as entidades: “Pola súa singularidade demográfica e o seu potencial científico, Galicia reúne as condicións para seguir reforzando a súa posición de referente na investigación sobre o envellecemento. Desde a Universidade de Vigo queremos seguir contribuíndo a estes obxectivos, sumando o coñecemento de distintas disciplinas para avanzar na prevención e a detección precoz da deterioración cognitiva, favorecer a autonomía das persoas maiores e combater a discriminación por razón de idade. O conseguido ata o de agora xunto a AFAGA anímanos a ser aínda máis ambiciosos”.


