O Concello de Santiago vén de acordar iniciar o proceso para a implantación da Administración Electrónica avanzada, con todo o que esta aposta polo goberno electrónico implica: cousas como garantir transparencia e bo goberno, accesibilidade e axilidade nos procedementos ou, tamén, a posibilidade de realizar a cidadanía todo tipo de tramitacións a distancia, con conexión a Internet e en condicións de máxima seguridade. A medida foi dada a coñecer polos concelleiros Xan Duro (Medio Ambiente e Innovación) e María Rozas (Economía e Facenda). Segundo fixeron saber, no proxecto vanse investir 1.860.000 euros. O obxectivo da licitación é lograr “unha modernización global da xestión municipal, baseada na eficacia, a eficiencia, a calidade, a innovación e a transparencia”.
Ademais, a iniciativa garantirá o cumprimento das lexislacións estatais e europeas en materia de goberno electrónico, que esixe ás administracións unha aposta clara, efectiva e rendible pola dixitalización. En palabras de Duro, “trátase da mellora administrativa máis relevante da historia de recente do Concello de Santiago”.
Rozas, pola súa banda, salientou os factores de comodidade e axilidade para todas e todos as/os implicadas/os que vai pór en xogo a medida, atinxindo non só á cidadanía (que mellorará a súa relación coa administración e poderá desenvolver a maioría dos trámites co concello desde as súas casas, de forma telemática, sen necesidade de desprazamentos, tendo tamén ao seu alcance a posibilidade real de facer consultas e xestións sobre a evolución no tempo deses trámites), senón tamén ao funcionariado local (que poderá traballar de xeito moito máis eficiente en con importantes aforros de tempo).
A nivel de recursos concretos a habilitar, o proxecto aprobado o venres 30 de xuño permitirá, sinalaron, dotar ao Concello de Santiago dunha plataforma de Administración Electrónica que inclúa unha sede dixital, un rexistro electrónico e un novo xestor de expedientes. Tamén permitirá modernizar a xestión tributaria e de tesourería ou a xestión do padrón de habitantes. “A nivel práctico”, explicou Rozas, “trátase de introducir as ferramentas que permitan que os veciños e veciñas poidan facer seguimento dos expedientes que lles afectan desde as súas casas, sabendo en todo momento en que punto está por exemplo a tramitación dunha licenza urbanística”. Ao tempo, o rexistro electrónico “evitará tamén desprazamentos innecesarios e aforraralles tempo á veciñanza, a empresas ou a outras institucións”.
Santiago inicia o proceso de implantación da Administración Electrónica
Compartir Este Artigo
