Vodafone, a conto do inicio da tempada de verán e para que os viaxeiros-clientes saiban o que lles agarda nos seus destinos, vén de informar dos seus últimos avances en materia de tecnoloxía 4G. Segundo fixo saber, o número de concellos do ámbito estatal que xa conta con esta tecnoloxía é arestora de 4.500. Ademais, 1.256 praias dispoñen da mesma. De xeito complementario, sinalou que as súas infraestruturas e servizos atópanse “preparadas” para xestionar e afrontar un medre no tráfico de datos que se prevé que se dispare este verán. Por que motivo? Pois en parte porque a época estival fai que moita xente desprazada requira un fluxo máis amplo de información, e, tamén, porque trala desaparición da itinerancia (roaming) na UE, prevese que os turistas europeos disparen estes meses o consumo de datos de telefonía móbil.
Segundo fai saber a empresa, a estimación de crecemento marca do tráfico de datos derívase dun triplo efecto: primeiro, o forte incremento (dende o cambio dos plans de prezos do pasado mes de abril) dos volumes de datos mensuais dispoñibles para os clientes de Vodafone; segundo, polo uso sen restricións das ferramentas de mensaxería para os clientes que gocen da funcionalidade Chat Incluído ou das aplicacións de redes sociais e música para aqueles que contraten os novos bonos Social Pass ou Music Pass; e terceiro a eliminación do roaming na Unión Europea.
Para garantir “a plena calidade do servizo”, Vodafone levou a cabo unha serie de melloras ao longo destes últimos doce meses. Por exemplo, estender a súa rede 4G+ (con velocidades de ata 350 Mbps) a 219 novos municipios ata chegar a 1.019 poboacións en toda España. Ou, tamén, despregar 4G en 612 novas praias, chegando xa a 1.256 praias repartidas por todo o litoral. Da mesma maneira, ampliou a rede 4G a 200 localidades turísticas adicionais, ata acadar un total de 1.600 concellos.
Por outra banda, a operadora tamén sinalou que o número de municipios nos que xa se despregou 4G sobre a banda 800 MHz está preto dos 2.700, o que supón, nas súas palabras, “unha notable mellora da cobertura no interior dos edificios”, o que, sumado ao despregamento 4G en bandas altas (en 1800, 2100 e 2600 MHz), permitirá “cubrir as necesidades de capacidade nos puntos de alta concentración de usuarios da rede”.
4,5G en breve na Coruña
A maiores do devandito, a compañía lembra que xa lanzou comercialmente no ámbito estatal a tecnoloxía 4,5G, combinando funcionalidades avanzadas de 4G e adiantando a dispoñibilidade de Massive MIMO, un dos motores de 5G. “Con 4,5G”, explica a operadora, “auméntanse tanto as velocidades de descarga como a capacidade da rede, para satisfacer as necesidades dos clientes”. O proceso, nun plano máis concreto, comezou a operar en zonas céntricas de Madrid e Salamanca, permitindo velocidades de descarga de ata 700Mbps e que axiña estarán dispoñibles en áreas de Barcelona, Valencia, Málaga, Sevilla, Bilbao, Zaragoza e A Coruña. Doutra banda, grazas a Massive MIMO multiplicouse ata por 5 a capacidade das celas 4G no centro de Madrid.
