O Concello de Lalín presentou os días pasados unha nova iniciativa dirixida a impulsar os atractivos turísticos locais a través das novas tecnoloxías. Trátase dunha cápsula audiovisual dirixida, en palabras da Concellería de Turismo, a promover Lalín como destino de viaxeiros “a través das diferentes plataformas en liña e mailas redes sociais”. A idea, engadiu o concelleiro Francisco Vilariño, era lanzar unha ferramenta útil e innovadora para facer chegar “a milleiros de persoas viralizando contidos”. Máis en detalle, trátase da primeira parte audiovisual dun “lenzo” que se irá completando ao longo do ano con outras achegas. O primeiro anaco trata sobre espazos naturais e os que están por vir sobre gastronomía, cultura, castros e centro urbano. Pódese ver a través das redes sociais do Concello ou na súa canle de Youtube.
Baixo o título Lalín, un lenzo natural, esta primeira peza videográfica propón un rápido percorrido pola riqueza ambiental e paisaxística do Concello. En palabras de Vilariño, o traballo resulta “innovador e impactante pola súa indiscutible calidade e polo seu atractivo”, ademais de ofrecer “unha perspectiva descoñecida” de lugares como Ponte Taboada, Mouriscade ou Zobra, entre moitos outros. A idea, sinalou, é que o vídeo consiga causar abraio entre as persoas que o vexan e, ademais, prepare o terreo para que queden con ganas de máis. A intención é que funcione “como reclamo de maneira moito máis eficaz que as típicas campañas ou publicacións en papel”.
Como dixemos, o lenzo que empeza a debuxar esta primeira peza audiovisual sobre espazos naturais irase completando ao longo deste ano 2017 con outras cápsulas temáticas sobre gastronomía, cultura, castros e centro urbano, xa que “un concello cun potencial tan importante coma o noso pódese permitir o luxo de facer vídeos con temáticas diferentes concretas que conviden a quen os vexa a visitarnos e que ao mesmo tempo formen parte da nosa competa estrutura de promoción e información turística”, explicou Vilariño, que tamén recordou que o material foi realizado pola produtora Arthur Gordon, a cuxo responsable, Emilio Fernández, quixo felicitar polo seu traballo.
Fernández, pola súa banda, afirmou que este paquete de cápsulas permitirá dar a coñecer de maneira moi visual e orixinal unha parte moi importante da enorme oferta turística de Lalín. Incidiu, asemade, en que “o obxectivo é viralizar este contidos a través da Internet”, e cualificou de “acerto” a estratexia do Concello de orientar este tipo de publicidade turística a través das redes sociais.
Lalín promóvese nas redes e de maneira viral
Compartir Este Artigo
