
Máis en detalle, o equipo de GamersWalk (integrada por Rafael Fernández, Jon Torrado, Alberto Lamas, Manuel Alexandre Rivas e Juan Carlos Barros) explicou que o sistema de preguntas e respostas en tempo real, o StreamBattles conquistou a máis de 160 streamers que participan de forma activa na plataforma. Entre eles, cómpre salientar youtubers tan referenciais como TheAlvaro845, reputada figura do ámbito dos eSports en formato móbil. O presidente de GamersWalk, Juan Carlos Barros, aplaude unhas cifras “que demostran o enorme potencial dunha plataforma única que conta con picos de audiencia que van alén dos 6.500 usuarios simultáneos seguindo un mesmo streaming”.
Sobre un dos puntos fortes de GamersWalk, o seu dinamismo, engade que a plataforma atópase en “constante evolución” e que en datas vindeiras ampliaranse as súas funcionalidades con ferramentas exclusivas que mellorarán a experiencia de usuarios e streamers. E explica: “GamersWalk basea a súa estratexia en crear e dar resposta ás necesidades dunha comunidade moi activa que muda cada pouco; nós derrubamos as barreiras comunicativas para que os usuarios sexan protagonistas das mellores competicións de eSports”.
O equipo da empresa con sede en Oleiros tamén recorda que amais de ofrecer un contacto directo entre os streamers e a súa audiencia, GamersWalk retransmite as principais competicións internacionais de eSports como LCS, LCK, Liga Chispitas ou ESL Masters, entre outras.
O colectivo tamén lembra que nos últimos meses a plataforma realizou importantes alianzas con VFO (competición oficial de fútbol virtual baseada no videoxogo EA Sports FIFA) ou a firma ESL, considerada a maior compañía do sector no mundo.
Para Manuel Alexandre Rivas e Jon Torrado, co-conselleiros delegados de GamersWalk, os datos solicitados nos primeiros meses de vida da plataforma son “moi satisfactorios”, xa que “avalan un proxecto que crea un universo relacional que medra a un ritmo de vertixe e que recolle as demandas da propia comunidade de seareiros”. Engaden que “as alianzas fraguadas nos últimos meses poñen en valor un produto único que é quen de incrementar a interacción entre usuarios e streamers”.
Sinalar tamén que GamersWalk conta co apoio do presidente executivo de Carbures, Rafael Contreras, que apostou pola plataforma cun investimento de 600.000 euros para adquirir o 20% do proxecto.
A galega GamersWalk acadou 100.000 usuarios rexistrados nos seus primeiros sete meses
Compartir Este Artigo
