O Goberno da Deputación de Pontevedra vén de facer reconto da participación este tempada nas rutas fluviais pola Ribeira Sacra organizadas pola entidade provincial, participación materializada en boa medida a través da páxina web reservas.rutasembalses.es e da conta de correo catamaranes.turismo@deputacionlugo.org. Segundo fixo saber a Deputación, as boas cifras de 2016 (que rematou cun incremento de usuarios nun 15%) tiveron continuidade este ano. Desta maneira, no que vai de tempada (dende abril ata finais deste mes de agosto), rexistráronse case 40.700 viaxeiros, o que supón un 20% máis que no mesmo período do ano pasado. A institución que preside Darío Campos lembrou que, coas devanditas cifras, constátase un incremento de usuarios do 35% dende abril de 2016 e ata hoxe (e coa tempada aberta).
Boa parte da “culpa” destes medres no número de pasaxeiros tena a devandita páxina web para a reserva de prazas. Nela ofréceselles aos turistas (en galego e máis en castelán) recursos como as condicións xerais dos servizos, os datos pormenorizados de cada unha das rutas (Canón de Sil dende o embarcadoiro de Doade, no Mosteiro de Santa Cristina; Cabo do Mundo dende o embarcadoiro da vila de Belesar) e máis a posibilidade directa de mercar en liña os billetes de maneira anticipada.
Volvendo ao devandito balance, o deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, explicou que “dende que estamos á fronte da área de turismo melloramos os servizos das rutas fluviais, conscientes das súas oportunidades económicas, co obxectivo de promover a Ribeira Sacra”. Isto, dixo, únese a unha optimización das propias embarcacións, a posta en marcha dunha oficina de atención turística ao público no embarcadoiro de Doade ou a renovación da devandita central de reservas, que funciona as 24 horas, ininterrompidamente.
Reservas
Como dixemos, os interesados en participar nalgunha das rutas fluviais poden formalizar a súa reserva a través desta central de reservas, na que poderán gardar ou comprar os billetes; así como solicitar todo tipo de información. Pódese facer dixitalmente na devandita páxina web; ou ben de luns a domingo de 9:00 a 19:00 horas no teléfono 982-26-01-96 e no email catamaranes.turismo@deputacionlugo.org. A Deputación lembra que na súa sede, no Pazo de San Marcos, os profesionais da entidade provincial tamén atenden persoalmente a todos os interesados.
O prezo por billete de cada ruta fluvial é de 9 euros. Hai tarifas reducidas de 5 euros para maiores de 65 anos, carné xove e nenos entre 4 e 12 anos. Os nenos de 0 a 3 anos viaxan totalmente de balde.
As reservas en liña e os servizos mellorados impulsan as rutas fluviais da Deputación de Lugo pola Ribeira Sacra
Compartir Este Artigo

