
A cita será no Centro ABANCA Obra Social de Cervantes. Entre outros profesionais do audiovisual, da escrita e dos contidos dixitais, contarase presenza co director do festival Mundos Dixitais, Manuel Meijide, que actuará como moderador. Na sesión, que abrirá o programa da 11 edición do encontro I+P Ideas para producir que se celebrará o 22 e 23 de novembro en Compostela, tamén participará o guionista e produtor Javier Olivares, creador das series de éxito El Ministerio del Tiempo e Si fueras tú, esta última considerada a primeira ficción transmedia interactiva producida en España. Asemade, tamén está prevista a intervención de Roberto Pérez, director de Tecnoloxía (CTO) e fundador de Future Lighthouse, estudio madrileño encargado de desenvolver o proxecto de realidade virtual de El Ministerio del Tiempo, a proposta Ministerio VR, unha iniciativa que nos convida a facer cousas como percorrer con algúns persoeiros da serie algúns dos escenarios máis identificables da mesma (achegándonos a opción de camiñar e interactuar coma se de verdade o sistema nos mergullara nun capítulo da serie, pudendo tocar obxectos e relacionarnos cos personaxes).
Amais, na xeira de traballo afondarase no estado de saúde da produción de animación en 3D en Galicia. Esta cuestión será tratada por Julio Casal, director executivo (CEO) da compañía galega Ficción (Hospital Real, O Códice, Augasquentes, Maimiño), quen debullará as orixes e o desenvolvemento da serie de animación infantil Tutu, que se emite na canle Clan de TVE.
A asistencia ao foro é libre e de balde ata completar o aforo. Para asistir é necesario enviar cuberto o formulario que está dispoñible no sitio web do Clúster a comunicacion@clag.es. O prazo de inscrición está aberto ata as 13.00 horas do día 20 de novembro.
Como escribir e construír series transmedia, polo miúdo en Santiago
Compartir Este Artigo
