Esta semana está a celebrarse en Anaheim (California) unha nova edición da VidCon, encontro que YouTube aproveita para presentar as súas últimas novidades, enfocadas principalmente nos creadores, aproveitando a ocasión tamén para salientar que a plataforma de vídeo supera os 1.900 millóns de usuarios mensuais.
O principal incentivo para que YouTube continúe a ser o rei do vídeo, tanto para a música como para os célebres youtubeiros é o feito de que os contidos poidan monetizarse, especialmente a través dos ingresos publicitarios, pero agora a cousa vai mellorar para moitos creadores, que xa aparte de poder conseguir ingresos adicionais a través das mensaxes de pagamento no Super Chat, están a introducir novas posibilidades como o ticketing (a posibilidade de facilitar a compra de entradas a espectáculos a través de Ticketmaster ao pé dos propios vídeos de YouTube), a mercadotecnia (os espectadores nos EE.UU. poderán mercar produtos de merchandising a través de Teespring, facilitando que os creadores poidan ter mercadotecnia oficial sen preocuparse da súa produción e distribución) e membresía a canles (que permitirá que os espectadores subscríbanse ás canles por 4,99 dólares/mes para recibir numerosos incentivos).
Esta última posibilidade, que os seareiros dunha canle realicen pagamentos mensuais para poder lucir un distintivo e acceder a numerosos contidos exclusivos vén a ser algo semellante ao que moitos creadores facían a través de Patreon, e en breve ofrecerase esta posibilidade ás canles que superen os 100.000 subscritores. En cambio, no caso da mercadotecnia comercializada a través de Teespring será preciso contar só con máis de 10.000 subscritores.
Outra novidade que contribuirá á interacción dos usuarios cos creadores en YouTube é a posibilidade de organizar estreas ou Premieres, ou sexa que os novos vídeos dunha canle poden ter unha hora de lanzamento, o que facilitará que os subscritores se xunten no chat para velos simultaneamente, converténdose en eventos dos que os creadores tamén poderán tirar proveito económico a través do Super Chat, que xa non quedará limitado aos directos.
YouTube presenta novas funcionalidades para os creadores
Compartir Este Artigo
