Nos últimos anos emerxeron teorías da conspiración que apuntan a que os nosos smartphones están a escoitar as nosas conversas, para despois remitirnos publicidade dirixida, e para contrastar esta intuición de moitos usuarios dende a Northeastern University (de Boston, Massachusetts) realizaron un intensivo estudo no que analizaron 17.260 aplicacións para Android, para comprobar se realmente os nosos smartphones están a espiarnos.
O estudo detectou numerosos riscos para a privacidade dos usuarios, con aplicacións que teñen moitos máis permisos dos precisos para operar (de xeito que, por exemplo, son quen de remitir capturas de pantalla ou gravacións da pantalla do usuario sen informalo) pero, no caso do son, non foron quen de detectar ningún caso no que as aplicacións remitisen gravacións sonoras de xeito oculto.
Entre as aplicacións analizadas, 9.100 tiñan permiso para acceder á cámara e ao micrófono, o que sería potencialmente perigoso, detectándose que nalgún caso había aplicacións captando información sobre a actividade do usuario, chegando a gravar a actividade en pantalla, información que en varios casos utilízase para analizar o comportamento dos usuarios para así optimizar o funcionamento das aplicacións (aínda que sempre pode quedar o temor de que esta información sexa mal empregada).
Na realización do estudo empregaron 10 móbiles con Android, controlados dun xeito automático para simular estar a seren empregados por persoas, pero ao non ser realmente así non estamos ante un traballo menos exhaustivo do que sería desexable, e que tamén tería certas limitacións, xa que puido terse escapado o caso dalgunha aplicación que si remitise información captada a través do sensores do móbiles, pero transmitida xa convertida a texto mediante recoñecemento de voz, de texto ou de imaxe. Ou sexa, que aínda que inicialmente entendemos que a captación das nosas conversas a través do micrófono do móbil é un mito, si se detectaron malas prácticas por parte de aplicacións que copian os contidos da pantalla do teléfono sen notificalo, polo que deberiamos ser coidadosos ao dar permisos ás aplicacións que instalamos no noso teléfono.
Un estudo desbota que nos estean a espiar a través do micrófono do móbil
Compartir Este Artigo
