
Segundo informa a empresa galega, esta iniciativa permitirá ás persoas seleccionadas (elixidas por un tribunal de profesionais de ambas as entidades), incorporarse a Enxendra Technologies para servir de apoio técnico aos clientes de Docuten, a súa plataforma de sinatura dixital e factura electrónica.
As becas están concibidas para beneficiar un total de tres alumnas ou alumnos do dito máster. Ademais, as bolsas outorgadas serán remuneradas e terán unha duración mínima de 3 meses, a convir co alumno. As persoas beneficiarias serán integradas como persoal da compañía e por iso, será factible a súa posible continuidade como profesionais, ben para a propia empresa ou ben para os seus clientes.
Segundo engade Enxendra, os beneficiarios das bolsas desenvolverán un labor técnico. O seu labor principal será o de aplicar os coñecementos adquiridos en materia de recursos humanos, ben aprendidos durante o máster e/ou ben “os propios de acompañar ao cliente na implantación e usabilidade das ferramentas tecnolóxicas”. Para a optimización do seu desenvolvemento, os becarios recibirán un exhaustivo proceso de formación interna.
A función técnica desenvolverase logo da venda da plataforma Docuten e en paralelo á implantación tecnolóxica. “O bolseiro”, sinala a empresa galega, “será así un soporte técnico especializado en recursos humanos que resultará de gran axuda para o cliente en canto á implantación de Docuten nos seus procesos administrativos”.
Tanto Enxendra como o IFFE Business School móstranse orgullosos pola súa aposta polo talento de futuros especialistas na sestión de persoas e mostraron o seu convencemento nos beneficios destas tres bolsas como “unha aposta laboral firme e segura para todos aqueles interesados neste sector”.
Enxendra lanza bolsas para incorporar novos profesionais ao abeiro de Docuten
Compartir Este Artigo
