Os concellos teñen adaptarse, si ou si, á nova realidade (máis restritiva e máis esixente) en protección da información persoal que pon en xogo o regulamento europeo entrado en vigor o pasado 25 de maio, que afecta a empresas, cidadáns e, por suposto, administracións de todo tipo. Co fin de botar unha man e achandar o camiño cara a esta nova realidade (botando luz sobre as novidades lexislativas no tratamento de información, contratación ou espectáculos), a Deputación da Coruña e a UDC organizaron un curso da Cátedra de Dereito Local sobre os dereitos e obrigas dos concellos arredor do novo marco legal.
A actividade formativa foi inaugurada o 13 de xullo polo deputado de Patrimonio e Contratación, Xesús Soto, quen sinalou que “as administracións están a recoller e tratar unha inxente cantidade de información persoal, necesaria para xestionar a prestación de servizos públicos que corresponden”, e que en base a isto, a este Big Data de cada entidade local, cómpre garantir as condicións precisas para que o coñecemento recadado estea “correctamente protexido” e sexa “axeitadamente xestionado”.
O curso está dirixido polos catedráticos da UDC, Carlos Amoedo e Javier Sanz Larruga e busca “facilitar a adecuación dos concellos ao novo regulamento europeo de protección de datos, que entrou en vigor o pasado 25 de maio e que afecta ao funcionamento das administracións locais”. No obradoiro lembrouse, a respecto do devandito, que o novo regulamento europeo afecta ao conxunto de entidades públicas e privadas da Unión Europea e será completada coa Lei orgánica de protección de datos que se está a tramitar nas Cortes Xerais.
Na xornada, destinada a persoal das entidades locais, participaron especialistas como Víctor Salgado (avogado especialista en TIC), Íñigo Pintos e Teresa Regueiro, do bufete Pintos & Salgado, e Ramón Álvarez Veiras, técnico do Concello da Coruña.
Na súa intervención, o deputado de Contratación, Xesús Soto, defendeu a necesidade destes programas formativos, nun intre en que “a complicación da xestión pública acada niveis dificilmente imaxinables no século pasado”. Asemade, salientou que “coa aplicación da nova normativa, as administracións públicas deben aplicar o principio de responsabilidade activa”, que implica que “antes de empezar un tratamento de datos se debe ter feita unha análise de riscos e, no seu caso, unha avaliación de impacto”.
Soto recordou que un dos obxectivos da Deputación da Coruña é “facilitar aos concellos a adaptación ás novidades da administración para o que, ademais do presente curso, se desenvolveron recentemente programas formativos arredor de temas como a Lei de contratos do sector público ou a Lei de espectáculos”.
A Deputación e a UDC mostran aos concellos como manexarse ante a información inxente
Compartir Este Artigo
