Nos últimos meses non paran de xurdir polémicas ao redor de Facebook, tanto no ámbito do uso de datos persoais como no da moderación de contidos, e esta última face é a que está a experimentar agora unha crise de reputación tras a emisión do documental Inside Facebook: Secrets of the Social Network, emitido polo Channel 4 británico, no que un xornalista encuberto destapa prácticas máis que cuestionables.
O reporteiro infiltrouse nunha empresa en Dublín á que Facebook contrata para comprobar os contidos que deben eliminarse da súa plataforma, e comprobou como na instrución que reciben ínstanos a manter contidos denunciados por usuarios o máximo posible, xa que se censuran demasiado o público perde o interese na plataforma. Tamén procuran facer ouvidos xordos ante contidos que afecten a menores de 13 anos (que non deberían ter conta en Facebook, polo que actuar suporía tomar accións, o que prefiren evitar), permiten un amplo abano de discursos de odio e están moi lonxe de ser capaces de atender ao elevado volume de contidos denunciados, de aí que tarden tanto en tomar medidas, e cando unha fotografía ou vídeo se elimina xa tivo unha difusión elevadísima, polo que as medidas de seguridade son claramente insuficientes.
A reacción de Facebook comezou por un comunicado no que procuran defenderse das acusacións da reportaxe, aínda que entrando só nun par de matizacións, continuando logo esta temática a discutirse nunha entrevista que Kara Swisher fixo a Mark Zuckerberg para Recode, na que o fundador de Facebook non fixo máis que empeorar a reputación da compañía ao asegurar que, pese a ser xudeu e sentirse ofendido, non cre que deban eliminar contidos que neguen o Holocausto asegurando que o seu erro podería non ser intencional (declaracións que tiveron que levalo a matizar que «non pretendía defender as intencións da xente que o nega»).
O mero feito de que Zuckerberg sosteña que as persoas poden ofender en Facebook por seren ignorantes é realmente grave, pero a liña que trazou na entrevista tamén é moi subxectiva, pois practicamente limita a eliminación de contidos enganosos a casos nos que inciten á violencia, algo que a priori é case imposible de saber. Ou sexa, que todos estes meses nos que dende Facebook falaban dos seus esforzos para erradicar as fake news non estaban a ser honestos, e practicamente limitarán as súas actuacións a casos nos que as comunicacións a través das redes sociais correspondan a ameazas, algo ao que xa estarían obrigados polas lexislacións dos distintos países nos que están presentes.
Denuncian a neglixente política de moderación de contidos de Facebook
Compartir Este Artigo
