
A iniciativa chámase Conecta Coruña e vén da man da Concellería de Rexeneración Urbana. O seu orzamento sería de 5 millóns de euros e no seu punto de mira están predios representativos do Concello, o Estado, a Xunta, a Universidade da Coruña e a Deputación, entre outros.
Para isto, o Goberno local concorre na convocatoria do Plan Nacional de Territorios Inteligentes co proxecto Conecta Coruña. O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, explica que a iniciativa recolle diferentes propostas nas que se poden aplicar sistemas de control e xestión integral e automatizada estruturadas en torno a cinco eixes: mobilidade, auga, ambiente, enerxía e seguridade. Nas súas palabras, “búscase aplicar e pór en marcha sete tipos de proxectos, segundo as necesidades dos edificios, que van permitir recadar moita información sobre o seu funcionamento que, unha vez envorcada na plataforma smart da cidade, servirán para optimizar os recursos”.
Entre as vantaxes dos proxectos atópanse as seguintes: maior eficiencia enerxética dos edificios, máis aforro significativo do consumo, mellor coordinación intermodal entre os nodos de comunicacións (como son o aeroporto, porto, estación de autobuses e a de tren), e habilitación dun sistema de alerta temperá de incidencias.
Para os ditos inmóbeis, en caso de que se gañe a convocatoria estatal, está programado aplicar polo menos un dos casos de uso desenvolvidos na iniciativa, para os que se contou coa colaboración do Centro de Investigación de Tecnoloxías da Edificación e da Enxeñería Civil, o Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e da Comunicación da UDC (o CITIC) e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG).
Estes casos de uso materialízanse en cousas concretos como o control de aforamentos, a planificación da mobilidade entre os nodos de comunicación da cidade (porto, aeroporto, estación de autobuses e de ferrocarril), o seguimento e optimización do consumo de auga, o control da contaminación por gas radón, a iluminación intelixente e o sistema de evacuación intelixente e centralizado. O orzamento previsto para o proxecto é de 4.999.836 euros, dos que a achega de Red.es sería do 80% fronte ao 20% que tería que afrontar o goberno local.
A Coruña prepara o terreo para converter en smart 213 edificios
Compartir Este Artigo
