A vindeira actualización de Android xa está aquí, de xeito que por fin sabemos o alcumo oficial que terá Android 9, Android Pie, que como principal novidade aseguran que ten unha grande integración da intelixencia artificial para ofrecer unha experiencia de uso máis sinxela e intelixente, adaptada ás necesidades do usuario. Temos así un sistema que irá aprendendo do comportamento do usuario para anticiparse cando sexa posible e incluso dar unha maior prioridade ás aplicacións máis empregadas á hora de consumir recursos.
Android Pie introducie novas personalizacións como o Brillo Adaptativo, que axusta automaticamente o brillo da pantalla en función das preferencias e contornos de uso; Batería Adaptativa (que prioriza o consumo de batería para as aplicacións máis usadas); coas App Actions o sistema predí o que o usuario quere facer baseándose no contexto e amosando esas accións directamente no teléfono (por exemplo, cando coloquemos os auriculares poderanos suxerir realizar unha chamada de teléfono ou reproducir unha listaxe de reprodución en Spotify).
A nivel de interface de uso Android 9 tamén mellora, incorporando un novo sistema de navegación cun único botón de inicio, de xeito que poderemos empregar xestos para ver as aplicacións empregadas recentemente; e con Smart Text Seleccion o sistema recoñece o significado do texto que seleccionemos para suxerir accións relevantes.
O sistema tamén integra novas funcionalidades chamadas a facer un uso moderado do noso dispositivo móbil, de xeito que no Taboleiro de Control (Dashboard) veremos como empregamos o noso tempo co smartphone ou tableta; co Temporizador de Apps (App Timer) poderemos establecer límites de tempo ao uso das aplicacións; o modo Non Molestar (Do Not Distrub) tamén silencia as interrupcións visuais; e con Desconectarte (Wind Down) teremos un novo modo que pon a pantalla en Luz Noctura e activa o Non Molestar, escurecendo a pantalla antes de ir durmir.
Polo momento Android 9 está dispoñible só para teléfonos da familia Pixel, que recibirán esta actualización de xeito automático, mentres que para o resto de terminais do mercado espérase que comece a súa distribución a finais do outono.
Android 9 Pie ve a luz para smartphones da familia Pixel
Compartir Este Artigo
