Coincidindo co verán e cos meses de meirande afluencia de visitantes, reais e potenciais, os nosos concellos están a impulsar novas e innovadoras iniciativas dixitais de comunicación e de promoción. Entre as máis salientables da tempada, por amplitude de horizontes e pola creatividade posta en xogo, atópase sen dúbida a nova web turística de Ferrol, www.visitferrol.com, que xa se atopa dispoñible e que foi presentada polo concelleiro Jesús Basterrechea, salientando cousas como o seu deseño (que permite compartir contidos a través das redes sociais, vía Whatsapp ou correo electrónico) ou seus principais obxectivos (potenciar a marca Ferrol, ofrecer un mellor servizo a visitantes, turistas e peregrinos e mellorar a visibilidade das empresas e entidades turísticas locais).
Detrás do proxecto atópase a Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, empresa de promoción turística representada maioritariamente polo Concello de Ferrol, pero tamén pola Asociación de Empresarios de Hostalaría de Ferrol e Comarcas, que coordinou a iniciativa durante o último medio ano e preparou os contidos, amais de supervisar o deseño da web. Segundo fai saber a Sociedade, trátase dunha plataforma “de deseño moderno e atractivo”, onde priman a imaxe e a socialización e onde todo está disposto para que os usuarios poidan tirarlle o máximo proveito informativo dende calquera dispositivo, sexa computador, smartphone ou tableta (deseño responsive).
Igualmente, conta con Google Analytics integrado, “fundamental”, en palabras do Concello, para “analizar o comportamento dos usuarios no sitio e ir poñendo en marcha posibles melloras”.
Os obxectivos desta nova web son tres. Primeiro, potenciar nas redes a marca do destino Ferrol, promovendo a súa imaxe no mercado turístico galego, estatal e internacional. En base a isto, o espazo en liña achegarase nunha importante cantidade de idiomas (aínda que parte da liña de saída con tres linguas: galego, castelán e inglés, introducíndose o francés e o alemán a partir do outono) e porase o foco na mercadotecnia 360º, pretendendo chegar ao público obxectivo a través de diferentes medios, ademais de Internet.
O segundo obxectivo é dar un mellor servizo aos visitantes, turistas e peregrinos que queren planificar a súa estadía en Ferrol, ou ben se atopan xa no municipio, sen esquecer ao viaxeiro profesional ou ás empresas e entidades interesadas en organizar un congreso ou evento na cidade galega e a súa contorna. A idea é fornecer aos internautas de xanelas a todos os recursos turísticos do municipio e a súa oferta máis destacada, xa sexa pública ou privada (por exemplo, as rutas turísticas que organizan empresas privadas, hoteis, restaurantes, escolas de surf, etc.).
Precisamente, o terceiro obxectivo da nova web é dar maior visibilidade ás empresas e entidades turísticas locais, polo que os usuarios do sitio disporán de toda a información sobre as súas actividades, horarios e contacto.
Amais de todo o devandito, o Concello quere cubrir “unha carencia importante da cidade en materia turística”, ao aglutinar toda a información desta categoría nunha única páxina. De feito, ata agora, era a web do Consistorio, na súa sección de Turismo, a que proporcionaba este servizo, xunto con pequenos sitios en liña adicados ao turismo activo ou rutas turísticas.
O sitio dixital, a nivel de contidos, artéllase nas seguintes seccións: Ferrol ofréceche, Recomendamos, Ferrol Activo, Reunións e Congresos e Prepara a túa Viaxe, que se subdividen noutras específicas, tales como Praias, Rutas Turísticas, Onde durmir, Onde comer, Festas, etc. O Concello tamén salienta o aspecto visual da web con fotografías de gran tamaño e unha manchea de vídeos.
Ferrol reivindícase cunha innovadora web turística ante a comunidade internacional
Compartir Este Artigo
