Comezou este xoves a feira de innovación de Pontevedra Pont Up Store (coa inauguración oficial prevista para hoxe ás 11.30 na carpa empresarial da praza de España, epicentro das actividades programadas), e fíxoo da mellor maneira posible: mostrando o importante papel que despregan (e despregarán) as mulleres no eido das novas tecnoloxías. Este foi (precisamente) o cometido de Isabel Gracia durante a cita de emprendemento I’m Remarkable organizada polo buscador Google (ao abeiro de Pont Up Store) co obxectivo de mostrar as dificultades que atopan as mulleres no seu camiño empresarial e de visualizar polo miúdo o “que se perde” o sistema produtivo e innovador pechándolles as portas. Sobre este punto, Gracia foi clara: “As empresas con máis mulleres nas xuntas directivas superan os resultados doutras nun 53%”.
Durante o workshop, Gracia explicou que “as vantaxes da diversidade van alén de conseguir unha maior rendibilidade económica, normalmente repercuten tamén nunha maior flexibilidade, máis creatividade, máis crecemento individual e das organizacións e meirande capacidade de cambio”. A relatora tamén revelou que segundo un estudio publicado recentemente en Estados Unidos “os homes autovalóranse más en termos salariais, de media piden un salario un 20% máis alto que as súas compañeiras mulleres”. Segundo o mesmo estudio, os homes tamén piden máis promocións e fano “cando cren que cumpren un 60% dos requisitos do posto, mentres que as mulleres só o solicitan cando cumpren o 100% dos requisitos”. Asemade, lembrou outro dato contra o que cḿpre loitar e pechar fileiras: “Só 1 de cada 4 xefes de startups en España son mulleres, malia haber máis mulleres con titulación universitaria e mellor preparadas académica e laboralmente”.
A cita I’m Remarkable, que se impartiu por primeira vez en España esta mañá na Casa das Campás de Pontevedra dentro do quinto Encontro de Emprendemento Pont-Up Store, é unha iniciativa de Google que pretende dar voz ás mulleres e grupos minoritarios para que poidan falar dos seus logros, rompendo as normas sociais da modestia e o teito de cristal.
En paralelo a esta cita de Google, noutra sala da Casa das Campás e dentro do espazo de programación ECOBAS, a Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop ofreceu unha sesión de traballo para emprendementos sociais baixo o título Recursos interactivos para a creación e consolidación de proxectos e entidades de economía social e solidaria: O canvas social. As persoas participantes na sesión tiveron a oportunidade de recibir formación individual na ferramenta canvas adaptada ás especificidades dos proxectos de economía social, tanto de nova creación como en proceso de consolidación.
Inauguración oficial
Este venres ás 11:30 inaugurarase oficialmente o encontro na carpa situada na praza de España que ficará instalada ata o sábado 22 e onde será posible coñecer as mellores iniciativas de emprendemento da nosa terra e participar nas actividades de dinamización que se desenvolverán no espazo central. A organización (Campus Crea de Pontevedra -Universidade de Vigo- e Concello de Pontevedra) seleccionou 45 emprendementos entre un total de 144 candidaturas procedentes de toda Galicia, o que supón un 10% máis que na anterior edición.
Google lembra dende Pont Up Store que as empresas con máis mulleres nas directivas son máis competitivas
Compartir Este Artigo
