O Concello de Cangas presentou este verán que vimos de deixar atrás unha importante renovación do equipamento tecnóloxico local. Máis polo miúdo, o Consistorio acometeu a substitución dos equipos informáticos da Casa dos Oficios. Os traballos foron debullados polo concelleiro de Participación Veciñal, Transparencia e Asociacionismo, Suso Pérez Gallego, quen sinalou que o material destínase a unha das aulas e máis ás oficinas do centro.
En concreto, sinalou, substituíronse os ordenadores que estaban máis obsoletos, todos eles con máis dunha década de uso, e “que de feito moitos deles xa non se podían empregar nin para realizar as tarefas máis básicas como a busca de información en Internet”, fixo saber, engadindo que os computadores que aínda acheguen operatividade non se inclúen no proceso de renovación e fican á espera de que poidan ser cambiados a medio prazo.
“O equipamento informático”, explicou, “é un requisito imprescindible para poder ter homologados os cursos, e esta homologación é un paso previo para despois poder presentarse á convocatoria de subvencións que anualmente publica a Xunta de Galicia”. Pérez Gallego lembrou que a Casa de Oficios ten homologadas a día de hoxe un total de 35 especialidades formativas (pertencentes a 8 familias profesionais), das que 23 delas son certificados de profesionalidade.
Con esta actuación o Concello de Cangas actualiza parte do equipamento informático do centro municipal de formación no que nestes últimos 20 anos lévanse impartido, entre outras actividades, en torno a un centenar de cursos de longa duración, a maioría deles con varios centos de horas de formación, xeralmente certificados de profesionalidade, e que se dirixen preferentemente ás persoas en situación de desemprego que se formar para ampliar as súas oportunidades de atopar un emprego cualificado.
Cangas renova a material informático da Casa dos Oficios
Compartir Este Artigo
