Montserrat Guardia, directora de Servizos Dixitais do Banco Sabadell, será unha das mulleres referentes que participe no programa galego Girl STEM, derrubando estereotipos, do que falamos os días pasados dende Código Cero, salientando a súa vontade de tirar abaixo os atrancos que impiden unha meirande presenza (e visibilidade) das mulleres nos eidos científico-tecnolóxicos, onde só representan o 30% do total. O programa, como lembraremos, está impulsado por AGASOL (Asociación Galega de Empresas de Software Libre) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Máis polo miúdo, Guardia asistirá á sesión que se celebrará este venres, 28 de setembro, no IES Valle Inclán de Pontevedra, entre as 12:00 e 14:00 h. Tras unha breve presentación a conta de Nía Maneiro, educadora e socióloga experta en xénero, Montserrat Guardia desmontará diversos prexuízos sobre a relación entre as mulleres e as profesións científico-tecnolóxicas, achegando, en palabras da organización, “datos e exemplos inspiradores”. A continuación, abrirase un espazo para preguntas e o debate coas rapazas e rapaces do instituto.
Con estas citas do programa Girl STEM, AGASOL e AMTEGA queren contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas). Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola axencia autonómica que dirixe Mar Pereira.
Quen é Montserrat Guardia

