A nova edición do Machine Learning Workshop Galicia 2018, a gran cita da tempada en materia de máquinas pensantes e con capacidade de tomar decisións (máquinas que fan e farán o que nós facemos, co engadido extra de seren quen de procesar e xestionar marés de información), acollerá a presentación de 30 traballos sobre diversas aplicacións do que se coñece como aprendizaxe máquina. Segundo informou hoxe a Universidade de Vigo, o congreso é unha oportunidade de ouro para vermos os múltiples beneficios do ML para sociedade e industria, tanto para investigadores das universidades ou dos centros tecnolóxicos como para as empresas.
O workshop, previsto para o vindeiro 18 de outubro, virá da man de AtlantTIC (Universidade de Vigo), que coordina o evento coa colaboración do CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), o CiTIUS (USC) o CITIC (Centro de Investigación TIC da UDC) e a empresa Imatia.
Co prazo de inscrición aberto ata o 10 de outubro, dende a organización agardan contar cun número de asistentes semellante ás edicións anteriores, arredor de 100 persoas. Presentaranse traballos sobre temáticas moi variadas, dende mantemento preditivo, sistemas de recomendación, minería de procesos, predición estatística ata predición de calidade, entre outros ámbitos de acción.
Milagros Fernández Gavilanes, investigadora de AtlantTIC, explica que, tras tres edicións, “a evolución do workshop está sendo moi boa e, nesta ocasión, temos xa involucradas a máis entidades, como por exemplo, a Rede Temática en Tecnoloxías Emerxentes da Información e das Comunicacións (RedTEIC), a Rede Galega de Tecnoloxías Cloud e Big Data para HPC, os colexios profesionais de Enxeñeiros de Telecomunicación e de Enxeñaría Informática (AETG, CPEIG E CPETIG), o IGAPE e outras entidades entre as que están as tres universidades galegas. Na organización desta edición están implicados xunto con Fernández Gavilanes, Andrés Gómez, do CESGA; Fernando Vázquez, de Imatia; Ricardo Cao, do CITIC (UDC) e ITMATI e David Mera, do Citius (USC).
Nesta edición, engade Milagros Fernández, “darase prioridade aos traballos que amosen a aplicabilidade dos algoritmos Machine Learning a casos de uso real co fin de mostrar á industria o potencial destas tecnoloxías”. Tamén se valorarán traballos que, aínda sen contar con algún caso de uso de transferencia real por atoparse nunha fase inicial de desenvolvemento, conten cun potencial importante de aplicabilidade no tecido socioeconómico e industrial.
A investigadora tamén sinala que malia todos os seus beneficios para a sociedade e a industria, o potencial máximo do ML aínda fica pendente de explotar, polo “que temos por diante un futuro cheo de novos retos e oportunidades”. Segundo di, “a clave da evolución da aprendizaxe automática non está nos tipos de algoritmos”, aínda que remarca que tamén inflúen, “senón máis ben na rapidez que un sistema é capaz de procesar un gran volume de datos”. Neste sentido, subliña que os retos que ten por diante o ML “están enfocados a poder aplicalo a novos ámbitos, como por exemplo a ciberseguridade”. Na actualidade, estanse a aplicar estas tecnoloxías en eidos como o desenvolvemento dos chamados vehículos autónomos, así como os sistemas para xestionar a súa mobilidade e o tráfico urbano, o deseño de novos materiais e o deseño de sistemas avanzados de tradución automática multilinguaxe.
O Machine Learning Workshop mostrará 30 aplicacións da aprendizaxe máquina
Compartir Este Artigo
