Elogia, a axenda de ecommerce pertencente ao grupo Viko que dirixe o galego Rubén Ferreiro, vén de ser recoñecida por cuarta vez nos eAwards 2018, novamente co premio á mellor axencia de mercadotecnia dixital full service. O galardón, entregado este 26 de setembro, recompensa en palabras de Elogia “o compromiso coa investigación e o desenvolvemento da axencia creando diferentes plans de mercadotecnia en liña, os cales teñen como obxectivo fomentar as vendas de terceiros”.
A firma dixital con sede en Vigo tamén lembra que as distincións eAwards premian ás axencias e empresas do ano, e outórganse anualmente pola empresa eWorld, editora da revista profesional de comercio electrónico eShow Magazine e maila feira eShow. Máis en detalle, recoñecen publicamente as innovacións desenvolvidas polas axencias e empresas españolas, a súa excelencia, profesionalidade, investigación e desenvolvemento, coa finalidade de mellorar a experiencia de compra dos clientes ou navegantes.
En palabras de Rubén Ferrreiro, director executivo (CEO) de Viko, o grupo no que se insire Elogia, “sermos recoñecidos unha vez máis por un evento como o eShow, con foco en ecommerce, é un gran reto alcanzado para nós, xa que é precisamente o noso diferencial como axencia dixital”. Segundo engade, “esta nova distinción non fai máis que reforzar a axencia como buque insignia do grupo e do que non podemos estar máis orgullosos, esperemos que este novo eAward encadee moitos outros premios que manifesten o valor do gran equipo humano que hai detrás do nome, e que fan que día tras día, coas canles dixitais ao seu servizo, os nosos clientes consigan maximizar o seu negocio”.
Elogia acada por cuarta vez o premio á mellor axencia dixital nos eAwards
Compartir Este Artigo
