Os días pasados, o 22 e o 23 de setembro, celebrouse no Campus de Pontevedra (Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación) un evento TIC sobre ferramentas accesibles para facermos Rede. Máis en detalle, sobre o sistema WordPress e a súa manchea de posibilidades como sistema gratuíto e libre de xestión de páxinas web (con probabilidade o máis estendido do mundo, presente na terceira parte dos sitios en liña dispoñibles na Internet). O evento en cuestión foi o WordCamp Pontevedra 2018, que xuntou 200 persoas para debater arredor do dito sistema e intercambiar experiencias. Houbo, ademais, uns 20 relatorios. A cita contou coa presenza activa e o patrocinio destacado de Dinahosting, que participou nela lembrando que “para nós, apoiar WordPress é unha cuestión de principios”.
A empresa compostelá de aloxamento web e de dominios recordou que WordPress é “o CMS máis popular a nivel mundial, polo que a nosa responsabilidade é que sexa unha ferramenta fiable, segura e coa meirande marxe de usabilidade”. Ademais, engade, “supón a porta de entrada ao mundo web para centos de persoas e empresas, que doutra forma non poderían acceder”.
Os temas a tratar no evento constituíron un mundo en si mesmo. Un mundo dixital: metodoloxías para captar e manter no tempo clientes, posicionamento web, WP-CLI, Gutenberg, analítica web, monetización e un amplo etcétera.
Pola parte de Dinahosting interveu Iván Expósito, de Atención ao Cliente, que falou sobre ferramentas de atención aos usuarios e de comunicación, con vistas a incrementar o que se coñece como fidelización.
A cita veu da man dos voluntarios da comunidade WordPress Pontevedra co apoio da organización internacional WordPress Foundation. Como dixemos, abrangueu 20 conferencias que, en dúas quendas paralelas, desenvolvéronse o sábado 22, centrándose non só en contidos sobre desenvolvemento e programación, senón en múltiples cuestións vencelladas a WordPress: blogs, negocios, accesibilidade, redes sociais, tendas en liña, etc.
Segundo explicaron os organizadores, o programa combinou coloquios de iniciación con outros de nivel medio e avanzado, de tal xeito que “nas sesións atoparon cabida todo tipo de usuarios, desde os máis profesionais ata os que se veñen de introducir no mundo deste xestor de contidos web”.
No panel de conferenciantes atópanse expertos como Fernando Tellado, autor do blog en castelán sobre este xestor de contidos con maior número de visitas.
Tralas conferencias do sábado, a WordCamp continou o domingo co Día do Contribuídor, no que as persoas asistentes aprenderon a colaborar co proxecto WordPress mediante traducións, soporte, desenvolvemento, etc.
A WordCamp Pontevedra e Dinahosting danlle azos e visibilidade a WordPress
Compartir Este Artigo
