Esta finde, a partir do venres 12, quen queira mergullarse de cheo nas principais tendencias da informática creativa, vaino poder facer na xuntanza para a mocidade XGN R Encounter, que se celebra no recinto da Feira Internacional de Galicia de Silleda, tal e como detallamos hoxe (facendo fincapé no programa de actividades, nos obxectivos e nos aspectos técnicos do evento) en Código Cero. Pois ben, a operadora R vai ter novamente un papel destacado na xuntanza.
Tanto no que se refire á organización (co-organiza a party xunto coa Feira Internacional ABANCA e a Xunta), como no que atinxe ao fornecemento de tecnoloxía (con velocidades de 10 Gbps grazas á fibra achegada pola compañía) como no que respecta ao programa de actividades.
Sobre este último punto, R estará no recinto desenvolvendo obradoiros de balde de interese para a nosa mocidade. En primeiro lugar, haberá un taller de robótica no que poderemos participar en familia e que está concibido para cativos de 7 a 15 anos, que poderán contar cos recursos precisos para construír un robot “mentres se divirten e aprenden”, segundo explica R. O obradoiro, inserido nas actividades de CreaR da operadora, vén con tres modalidades: para nenas e nenos de 7 a 8 anos (de 10:30 a 12:30h), para nenas e nenos de 9 a 11 anos (de 12:30 a 14:30h) e para nenas e nenos de 12 a 15 anos (de 17:00 a 19:00h). R tamén informa que as entradas para podermos desfrutar desta actividade estarán estes días á nosa disposición no distribuidor R en Silleda, na Avenida do Parque, 37 (tel. 986580621). En caso de que non nos poidamos achegar, temos a posibilidade de reservar en liña as entradas.
Amais do devandito, a operadora organiza no encontro unha actividade encamiñada a acurtar as distancias entre as persoas que naceron e medraron no ambiente dixital, enchoupándose nel, e quen non tivo ocasión de saber para que consisten as novas tecnoloxías. Trátase da iniciativa Nativos R, unha actividade pensada para pais, titores, avós ou docentes, prevista para o 13 de outubro ás 17.00 horas. En palabras de R, Nativos R diríxese á cidadanía que se ben non naceu na era dixital, convive con persoas (nenas, nenos, adolescentes, mocidade) que si que o fixo, abrindo interesantes camiños de comunicación entre uns e outros.
R achega en XGN obradoiros para todas as idades
Compartir Este Artigo
