
Trátase, como lembraremos, dunha iniciativa dirixida a centros educativos e a familias, ben sexa a través de colectivos ou individualmente. Consta de tres fases baseadas en enxeñaría e na resolución de problemas semellantes aos que se enfrontan as misións aeroespaciais reais. O seu obxectivo, tal e como nos contan os seus impulsores, é “educar, divertir e inspirar a nenos de toda Galicia”. Está patrocinada entre outras empresas e organismos por ABANCA, R-Cable e AFundación. Na cita de Silleda, Hamsternauta presentará HANA I, a primeira misión espacial concibida para nenas e nenos e centros educativos.
Nun plano máis concreto, Hamsternauta quere achegar á rapazada de Primaria e Secundaria ao Espazo, mediante un concurso que expón retos baseados en misións reais. Para logralo deberán superar tres misións nos que un hámster virtual debe sobrevivir ás condicións que existen máis alá do noso planeta.
A presentación terá lugar no marco do evento informático XGN R 2018, que se celebrará os próximos venres, sábado e domingo nos pavillóns 1 e 3 da Feira Internacional de Galicia ABANCA en Silleda. O acto será dirixido por Frankie Gómez, fundador e organizador de LaconNetwork, a iniciativa que actúa como principal impulsora do proxecto Hamsternauta. A primeira edición deste leva como lema O espazo empeza aquí.
A actividade inclúe tres misións inspiradas en retos reais da ciencia aeroespacial: construír e manexar un rover a distancia; deseñar un foguete de dúas etapas que deberá voar e recuperar a fase habitable; e finalmente, lanzar unha sonda ao límite da atmosfera e traela de volta. En todas estas misións, transportarase un simulador de vida co peso dun hamster, que deberá sobrevivir a cada unha delas, quedando eliminados os colexios que non logren cumprir os retos.
No proxecto colaboran unha manchea de enxeñeiros e técnicos, que ademais de asesorar cientificamente á iniciativa, son os encargados de deseñar as pezas precisas para que a rapazada e o profesorado poidan levar a cabo as misións.
Segundo lembran as entidades impulsores da propostas, o ex-astronauta e actual ministro de Ciencia, Educación e Universidades Pedro Duque, mostrou o seu interese e apoio á iniciativa durante a presentación de Hamsternauta no STEMlab Galicia.
As inscricións poderán realizarse a partir do venres día 12 en https://www.hamsternauta.com.
XGN acollerá a presentación das aventuras científico-espaciais do proxecto Hamsternauta
Compartir Este Artigo
