Quen queira enchouparse de software libre e das posibilidades do programa R para investigarmos e innovarmos mellor e tirando máis proveito da (gran) información que temos ao noso alcance, vai ter esta semana unha gran oportunidade para facelo. Estamos a falar da nova edición da Xornada de Usuarios de R en Galicia, que se celebra o xoves 25 na Facultade de Matemáticas de Santiago e xa ten o programa de actividades máis ca perfilado na súa páxina web, contando con representantes de empresas e entidades de primeira liña (FINSA, Improving Metrics, ABANCA) para facer un percorrido das súas respectivas experiencias co dito software de información.
A xuntanza, segundo lembran os organizadores, vai pola súa quinta edición e diríxese novamente a pechar fileiras arredor das vantaxes e utilidades do programa estatístico R, software libre moi estendido entre a comunidade investigadora internacional de calquera vertente. A xornada está organizada pola Oficina de Software Libre do CIXUG, e patrocinada por AMTEGA, ao abeiro das actividades de fomento do software libre en Galicia que impulsa esta axencia autonómica.
A cita ten como retos e finalidades a promoción da linguaxe R e as súas aplicacións, ademais de facilitar o traballo en rede entre a comunidade de persoas usuarias da linguaxe e aquelas outras interesadas en coñecela ou en poñer en común as súas experiencias.
As xornadas, que incluirán obradoiros prácticos de balde, contarán coa presenza de Antonio Vidal (FINSA), Eva María González Vior (Improving Metrics), Belén Fernández de Castro e Teresa Veiga (ABANCA), Noa Veiguela (Instituto Galego de Estatística), Marcos Fernández (Xunta de Galicia), Nora Martínez (Centro Tecnolóxico Gradiant), Ana Belén Buide (ITMATI), Manuel Antonio Novo (ITMATI), Aurelio Rodríguez (CESGA), Rubén Fernández e Tomás Cotos (Universidades da Coruña e de Vigo), Beatriz Pateiro (Departamento de Estatística e Análise Matemática da USC), Laura Freijeiro (Departamento de Estatística e Análise Matemática da USC), Arís Fanjul (Departamento de Estatística e Análise Matemática da USC), Alejandra López (Departamento de Estatística e Análise Matemática da USC) e María José Ginzo (Departamento de Estatística e Análise Matemática da USC), entre outros especialistas en materia de aplicación e aproveitamento de R.
Como lembraremos, R é un software orixinariamente deseñado para a análise estatística e a realización de gráficos e que nestes intres estase a utilizar en numerosos eidos relacionados coa estatística (xenómica, biomedicina, econometría, Big Data, bioloxía, …). R ten unha natureza dupla de programa e de linguaxe de programación e distribúese baixo licenza GNU-GPL.
O programa R e as súas respostas para os nosos desafíos, ao detalle esta semana na USC
Compartir Este Artigo
