Se na actualidade hai unha cuestión de relevancia que deban ter en conta os profesionais das novas tecnoloxías é a seguinte: como protexer as súas contornas de traballo, os seus proxectos, as súas comunicacións e a súa información ante as ameazas que proliferan a través das redes? O tema da protección dixital, ademais, é un deses temas multidireccionais que non deixan eido produtivo ou administrativo sen atinxir: afectan ás empresas e ás administracións, aos profesionais das TIC e aos de calquera outro sector, aos traballadores dixitais e aos usuarios de a pé. En consecuencia, a demanda de recursos que acheguen contornas seguras de desenvolvemento non para de medrar. A consultora Vitae vén de lanzar un curso en aberto para facilitar que esta demanda sexa atendida.
O Curso Introdución á Programación Segura ante Ciberataques inclúe 20 horas de formación e celébrase na Coruña (Hotel Attica 21) os días 26 e 27 de novembro e os 3 e 4 de decembro. Nesta actividade formativa as e os asistentes “poderán adquirir os coñecementos básicos precisos para o desenvolvemento seguro de aplicacións”.
En termos máis concretos, o curso abrangue formación moi acaída para desenvolvedores de ferramentas e servizos informáticos, afondando no ámbito do backend con Java ou o frontend con Angular e JavaScript, entre outras cuestións. “A nosa intención”, comentan dende Vitae, é achegar recursos para a creación protexida de aplicacións, partindo dun nivel introdutorio e facilitando os coñecementos precisos para poder levar a cabo aplicacións seguindo estándares de desenvolvemento seguro”.
Amais, abordarase o proxecto OWASP así como a clasificación dos dez tipos de vulnerabilidades máis frecuentes na creación de programas. Cada posible punto feble detallarase tecnicamente, debullando os riscos de representan, as técnicas de explotación ou as contramedidas a pór na práctica. Asemade, debullaranse as boas prácticas a aplicar para traballarmos protexidos dixitalmente con Java, JavaScript e Angular, así como con S-SDLC.
O encargado de impartir estes contidos é Deepak Daswani, experto amplamente recoñecido a nivel internacional en materia de hacking ético e ciberseguridade que ten fornecido servizos a entidades de referencia no sector como INCIBE ou a firma Deloitte. É relator habitual nas principais conferencias do sector e colaborador asiduo de diversos medios de comunicación a nivel autonómico en Canarias, estatal e internacional. Ten formado e asesorado a clientes como Roche, a devandita Deloitte, Johnsson & Johnsson, Orange ou Mapfre, entre outras compañías referencias.
Vitae móstranos como acadar contornas seguras no desenvolvemento de aplicacións
Compartir Este Artigo
