Hoxe déronse a coñecer os nomes dos seis proxectos seleccionados para participar na terceira edición do programa Vodafone Connecting for Good Galicia, impulsado pola operadora e a axencia AMTEGA co obxectivo de impulsar novas ferramentas e servizos para dar reposta ao meirande número de demandas das nosas entidades sociais e dos colectivos en risco de exclusión social ou tecnolóxica (ao tempo que se enriquecen os ámbitos da saúde, o benestar ou o envellecemento saudable). O xurado elixiu finalmente esta media ducia de iniciativas: Atlante Medical, CropDeal, E-wear Technologies, Feedcoo, FisioAdvisor e Quero un Avó.
O programa Vodafone Connecting for Good Galicia, no que tamén participan a Consellería de Economía, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), ten como finalidade específica “apoiar a aqueles emprendedores que contribúan á innovación social a través do impulso e uso da tecnoloxía, favorecendo que os seus proxectos se convertan en negocios reais con maiores garantías de éxito e de poder contribuír a resolver os retos recollidos na Axenda Dixital de Galicia 2020”.

· Atlante Medical. Plataforma online da xestión da medicina dixital, como fonte de comunicación entre hospitais, laboratorios, e outros integrantes do ecosistema, para resolver os problemas da seguridade da información, a rastrexabilidade do proceso, erros e a carencia dun ecosistema que fomente innovación.
· CropDeal. Plataforma de oferta e demanda por volume, que garante a calidade (mediante certificación) e optimiza a venda das materias primas agrarias. Así, os agricultores ofrecen de maneira segura os seus bens e eliminan intermediarios e os compradores logran garantía de calidade do produto.
· E-wear technologies. Reloxo intelixente para persoas maiores vencellado a unha plataforma web de xestión de usuarios para facer seguimento da medicación, zonas de seguridade, chamadas, etc.
· Feedcoo. Plataforma dixital que favorece o asociacionismo dos pequenos produtores rurais para crear un colectivo dixitalizado que lles permita acceder aos servizos necesarios para a produción a unha escala global e a un custo mínimo. Ademais, na plataforma promóvese a innovación a través da economía colaborativa xerada por campañas micromecenado de produtos novos ou moi singulares para reducir o risco económico que supón crear un novo produto.
· FisioAdvisor. Plataforma en liña de procura de fisioterapeutas profesionais colexiados na que o usuario pode consultar a reputación nos seus tratamentos con outros pacientes.
· Quero Un Avó. Plataforma onde se poñen en contacto a persoas maiores que lles gustan os nenos e queren exercer de avós e avoas con familias cuxos fillos/as non teñan a sorte de ter aos seus propios avós/as ou non os teñen preto.
Vantaxes de formar parte do programa
Estes seis proxectos seleccionados poderán beneficiarse dun plan de formación de polo menos seis meses, nos cales impartiranse sesións sobre modelo e plan de negocio e contarán con asesoría experta en temas de comunicación, vendas, negocio, e accesibilidade para o desenvolvemento dun plan personalizado para cada proxecto. Ademais, poderán dispoñer dun lugar de traballo no espazo Vodafone Connecting for Good situado na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.
Cada un dos proxectos seleccionados conta cun patrocinio de 2.000€, outorgado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), para a posta en marcha dos os seus proxectos de emprendemento e poderán acceder a unha axuda para a formación e contratación dunha persoa con diversidade funcional ou cognitiva que se incorpore ao equipo de traballo dos proxectos seleccionados outorgada por Fundación Vodafone.
Os proxectos poderán optar á concesión dunha axuda de 25.000 euros da Xunta de Galicia ao mellor proxecto para a súa execución e posta en marcha, e Fundación Vodafone outorgará o Premio Conectados pola Accesibilidade de 10.000 euros, á iniciativa que mellor incorporase os principios de accesibilidade universal.
Edición anterior
Na convocatoria previa do programa, a segunda, a media ducia de proxectos seleccionados orientábanse a buscar solucións tecnolóxicas a cuestións vencellladas á accesibilidade, á creación e fabricación 4.0, á formación interactiva, á mediación social, á tecnoloxía biométrica e á contribución ambiental.
Foron os seguintes:
· 3DAcoustic, que proporciona audífonos personalizados con moldes impresos en 3D, conseguindo unha redución nos custos, tempos de produción, e unha mellor experiencia de uso grazas a un produto propio e innovador totalmente axustado a cada persoa.
· It!, unha empresa de creación e fabricación 4.0, que ofrece servizos integrais de deseño, modelado 3D, fabricación de novos produtos e enxeñería aplicada. It! ten como obxectivo achegar e popularizar o uso da tecnoloxía de impresión 3D en todos os sectores mediante o seu espazo de venda en liña It!Market e o seu FabLab na Coruña It!Lab.
· Formadox. Unha plataforma de formación interactiva en tecnoloxía que achega ao usuario a experiencia da formación presencial dos talleres ou os laboratorios, mediante vídeos, simuladores e kits didácticos. A formación que se ofrece é a relacionada, entre outras materias, co Internet das cousas, a Industria 4.0, a robótica, a impresión 3D, as técnicas de fabricación dixital, a visión artificial, a realidade virtual e aumentada.
· Mediación Móbil. Trátase dun proxecto que busca axuntar novas tecnoloxías e plans integrais de mellora da convivencia en catro ámbitos (educativo, familiar, empresarial e deportivo) co obxectivo de prover a todo tipo de persoas dunha ferramenta de prevención e resolución de conflitos accesible, económica, personalizada e profesional.
· Sense(x), un dispositivo biométrico que permite a toma de datos e parámetros, tanto fisiolóxicos como alimentarios, mediante sensores para a análise pormenorizada dos alimentos para inxerir. Ademais, grazas a un software específico, integra o sensor con diferentes dispositivos, o que posibilita para obter estatísticas detalladas dos diferentes sensores, análises de uso, e mesmo compartir resultados nunha rede social.
· Tapper. Consiste nunha aplicación móbil que contribúe a reducir o refugallo alimentario. Grazas a Tapper, os establecementos poden publicar ofertas de produtos preto do fin da súa vida útil, que os usuarios poden adquirir a un prezo rebaixado.
A terceira edición de Vodafone Connecting for Good Galicia xa ten seis proxectos acelerables
Compartir Este Artigo

