
O relator centrou a súa conferencia na innovación como “o motor do cambio” nesta industria e abordou as vantaxes e atrancos ás que se teñen que enfrontar as empresas turísticas nun mundo dominado polas novas tecnoloxías. “No sector turístico a transformación dixital está a xerar moitas oportunidades”, explicou, antes de facer un percorrido pola empresa que dirixe, fundada en 2007 e a día de hoxe recibindo 67 millóns de visitas cada ano e sendo un referente en servizos turísticos en liña.
O conferenciante advertiu que as empresas da industria teñen que atender aos cambios que se están a producir nos procesos de compra. E explicou: “Estase a producir un chimpo radical neste sector porque a xente demanda contidos. Aquí, en Galicia, tendes un enorme potencial para vender o destino doutra maneira que non sexa mediante uns prezos baixos. As fotografías e os vídeos poden contar historias que se convertan no verdadeiro reclamo turístico desta terra”.
Como dixemos, a cita foi inaugurada pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, contando coa colaboración da xornalista Yolanda Vázquez. Na sesión de apertura, a titular do Goberno provincial salientou a importancia do sector turístico da provincia para a economía, con máis de 10.000 empresas dedicadas a esta actividade, e enxalzou o compromiso da Deputación “para liderar a transformación dixital do sector, a través de iniciativas como esta que nos vai permitir aprender xuntas e xuntos sobre instrumentos, proxectos e iniciativas para converter ás Rías Baixas nun destino intelixente”. Segundo fixo saber, é crucial “impulsar actuacións que faciliten que o sector turístico dos concellos pontevedreses poida ter ferramentas para ser unha referencia, porque destinar recursos á tecnoloxía e á innovación non é un gasto, é un investimento fundamental para que o turismo siga crecendo desde a excelencia e a innovación”. Como exemplos concretos disto, a presidenta provincial nomeou o caso da musealización do Castelo de Soutomaior, sede da conferencia, “que coa aposta que fixemos polas tecnoloxías multiplicou ata por dez o número de persoas que o visitan”.
Pola súa banda o presidente do Cluster TIC de Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, enxalzou o talento do sector que representa, o sector tecnolóxico-dixital galego, onde hai empresas con gran capacitación que “están a axudar no proceso de transformación dixital en todos os sectores económicos”. Rodríguez animou a investir en TIC, e concretamente no comercio electrónico a través do móbil, xa que “se non estás no teléfono dos teus clientes de maneira relevante estas fóra do 60 % do comercio electrónico que se fai hoxe en día”.
Na xornada tamén se trataron outras cuestións nas mesas redondas programadas. A primeira, titulada Mellora da experiencia do visitante e fidelización de turistas“, estivo protagonizada por tres emprendedores: o fundador de Partee, Víctor Longo; o de Pumpún Dixital, Chiú Longuina; e o de Xoia Software Development, Xoel Vázquez. Na segunda, sobre o Impacto das TIC no sector turístico, participaron o presidente do Clúster TIC de Galicia, Antonio Rodríguez del Corral; a responsable de mercadotecnia e relacións públicas en Tee Travel, Mariña Vázquez; e a directora executiva de Volta Montana, Cristina Collazo.
TurisTIC reivindica a necesidade de estarmos nos móbiles para que nos coñezan no mundo
Compartir Este Artigo
