A semana pasada entregouse na nosa terra un novo e importante recoñecemento ao espírito innovador empresarial. Estamos a falar do Premio PEME do Ano, segunda edición, que foi dar á firma lucense Cloud Factory (conpas.net). O galardón entregárono a Camara de España e o Banco Santander, que contaron en Lugo coa colaboración da Cámara de Comercio e o Grupo El Progreso. A entrega de premios celebrouse na oficina principal do Santander, e nela déronse cita os compoñentes do xurado e numerosos representantes de entidades públicas e empresariais, locais, provinciais e galegas.
Segundo conta no seu propio blog a propia Cloud Factory, foi unha gala especialmente TIC, sobre todo pola ampla presenza de empresas de tecnoloxía e solucións dixitais que participaron na segunda edición do Premio PEME do ano. O recoñecido foi recollido por Óscar Pásaro, director executivo da firma galega, quen fixo saber que “a base da nosa empresa é tentar vender vía Internet, situándonos e facendo mercadotecnia, amais de coidar o produto, que no noso caso son os recursos humanos”.
Lembrar que Cloud Factory é unha empresa especializada en ferramentas de xestión empresariais e en desenvolvementos a medida para o tecido produtivo galego, estatal e internacional. Entre os seus produtos principais figuran Zoho (completa suite de ferramentas corporativas), Odoo (software de xestión empresarial de código aberto, dirixido a abranguer todos os procesos dunha empresa sen importar o sector ao que pertenza) ou SAP Business One (completa plataforma de recursos para os negocios e a súa xestión, única e con ampla marxe de adaptación e evolución).
A galega Cloud Factory, Premio PEME do Ano
Compartir Este Artigo

