Segue adiante, achegando formación útil para a empregabilidade, o programa Vives Emprende Ames posto en marcha polo Concello. Máis en detalle, pola Concellería de Promoción Económica e a organización Acción contra a Fame. As actividades deste segundo semestre do ano (moi acaídas para persoas desempregadas ou con emprego precario) comezaron esta semana coa realización de dous obradoiros sobre como impulsar unha idea de negocio e como aplicar as técnicas máis eficaces de me.
As xeiras formativas continúan o martes 6 e mailo mércores 7 de novembro con dous novos obradoiros sobre marketing mix e sobre competencias emprendedoras. En total, nos meses de outubro e novembro impartiranse un total de 10 obradoiros.
O Concello aproveita para lembrar que o programa Vives Emprende é unha iniciativa de balde que ofrece á cidadanía (poñendo especial atención nas mulleres) asesoramento, formación e acceso a financiamento para facer realidade as súas ideas de negocio.
Estas actividades son impartidas nas instalacións do Centro Multiusos de Aldea Nova, en horario de 9:30 a 13:30 horas. A técnica de emprendemento de Acción contra a Fame, Itziar Villar, é a encargada de coordinar os devanditos ditos talleres e de impartir as asesorías individuais.
Como dixemos, este martes 6 de novembro afondarase no marketing mix e nas principais ferramentas para manter no tempo clientes e atraer outros novos. Nesta actividade guiarase ao alumnado no coñecemento dos aspectos e variables básicas da mercadotecnia e a súa aplicación. Na sesión que se celebrará o 7 de novembro, os participantes coñecerán as competencias emprendedoras, necesarias para poñer en marcha un negocio.
O 13 de novembro está previsto que se imparta o taller denominado a miña Empresa na Internet: RRSS e comercio electrónico, onde se aprenderá a comunicar e vender un determinado produto/servizo a través da Rede, das redes sociais, das páxinas web e do seu posicionamento.
O 14 de novembro abordaranse as formas xurídicas, a nova Lei de Protección de Datos e os aspectos tanto fiscais como laborais básicos para poñer en marcha un negocio.
Asemade, o 20 de novembro o obradoiro versará sobre as claves e técnicas de negociación. Ao día seguinte, 21 de novembro, falarase sobre o pricing ou estratexia para a fixación de prezos.
Os dous últimos obradoiros deste ciclo, que se realizarán os días 27 e 28 de novembro, xirarán arredor da creación dun plan de empresa adaptado á solicitude de subvencións e financiamento e á presentación do proxecto.
As persoas interesadas en participar poden contactar co departamento municipal de Promoción Económica, a través do enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal, ou dirixíndose a Itziar Villar no correo ivillar@accioncontraelhambre.org ou no teléfono 689 869 465.
36 persoas recibiron apoio de Vives Emprende
O Concello de Ames, amais de dar o coñecer os detalles do programa para esta recta final de ano, aproveitou para facer balance do acadado a través das actividades xa desenvolvidas. Segundo fixo saber, un total de 36 persoas (21 de Ames) recibiron o apoio de Vives Emprende durante o primeiro semestre deste ano. Deles, sete mulleres e dous homes xa teñen en marcha o seu negocio. Entre os negocios que arrincaron en 2018 hai unha tenda online de costura e outra de produtos da horta, dous salóns de manicura, unha tenda de roupa outlet, unha papelería, unha inmobiliaria e unha consultora de calidade. Destes novos negocios, catro teñen o domicilio fiscal en Ames.
Ames achega a cidadanía ás ferramentas que visualizan negocios e incrementan vendas
Compartir Este Artigo
