Red.es vén de seleccionar oito empresas galegas para conformar a listaxe de firmas innovadoras (un total de 58) que integrarán o Pavillón de España na vindeira cita do Mobile World Congress (MWC19), prevista para o mes de febreiro, en Barcelona, entre os días 25 e 28. Trátase de Igalia, Queres, Xesol Innovation, Signen (Tecalis), Disashop, Quobis, Visual Publinet e Improving Metrics.
Red.es organiza e coordina, por sétimo ano consecutivo, esta delegación empresarial cun obxectivo duplo: mostrar ao mundo os mellores proxectos estatais vencellados á industria do móbil e ofrecer ás compañías seleccionadas un espazo que lles permita impulsar a súa internacionalización, presentar novos produtos, buscar investidores ou ampliar a carteira de clientes.
Segundo informa a entidade público-empresarial, os sectores representados nesta edición son “exemplo dun tecido empresarial de vocación tecnolóxica e carácter dinámico”, representantes de ámbitos de traballo tan sobranceiros como as Cidades Intelixentes, a ciberseguridade, a Internet das Cousas (IoT), a computación na nube, o comercio electrónico, a Intelixencia Artificial ou a mercadotecnia dixital, entre outros eidos.
Desta maneira, Red.es quere que o Pavillón de España conte “cunha ampla distribución xeográfica” na próxima edición do congreso, xa que estará integrado por 19 empresas procedentes de Catalunya, 16 da Comunidade de Madrid, 8 de Galicia, 5 de Andalucía, 3 da Comunidade Valenciana, 2 de Estremadura, 2 do País Vasco, 1 de Aragón, 1 de Asturias e 1 de Castela – A Mancha.
Das 58 empresas seleccionadas, 50 disporán dun espazo privativo dentro do pavillón e 8 participarán coa modalidade pack visita que permite beneficiarse de todos os servizos ofrecidos no pavillón pero sen stand de seu.
Red.es selecciona oito empresas galegas para lucir innovación no Mobile World Congress
Compartir Este Artigo

