Esta semana está a ser unha semana intensa de presentación de axudas para a Deputación da Coruña. De xeito complementario aos incentivos presentados onte para afianzar integralmente a Administración Electrónica nos concellos pequenos da provincia, dos que falamos onte polo miúdo en Código Cero, a entidade que presidente Valentín González Formoso presentou tamén os novos apoios do programa PEL-Emprende Investimento, que vén con 1,1 millóns para impulsar 109 empresas de recente creación fortalecendo a súa vertente informática e innovadora. A listaxe de firmas e autónomos beneficiados foi publicada no BOP.
En detalle, a nova liña de subvencións do PEL permitirá que as ditas 109 empresas invistan un total de 1.154.411,10 € na adquisición de aplicacións informáticas, maquinaria, útiles, mobiliario e equipos para procesos de información necesarios para o desenvolvemento dos seus proxectos empresariais.
Os apoios están destinados a empresas con menos de cinco anos de antigüidade da provincia da Coruña, que reciben ata 20.000 euros a través deste programa.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, apuntou que esta vertente do Plan de Emprego Local (PEL) “contribuirá a consolidar e modernizar o tecido empresarial da provincia, facéndoo máis competitivo e permitindo o desenvolvemento de proxectos emprendedores que empezan de xeito moi modesto, pero que en poucos anos poden chegar a consolidarse e ser referencia no seu sector”.
Por certo que González Formoso tamén anunciou que o ano pasado duplicarase o orzamento do programa, chegando ata os 2,1 millóns de euros, “debido á gran demanda de subvencións”, que se traduciu en 1.300 solicitudes.
Dentro destas axudas de PEL- Emprende Investimento 2018 cobran especial protagonismo as iniciativas empresariais lideradas por mulleres, cun total de 71 axudas concedidas, que representan o 65,14% do total. Así, 683.431,21€ destínanse a empresas onde a presenza de mulleres na súa dirección e xestión é maioritaria.
En termos xenéricos, boa parte das subvencións irán dar a investimentos no sector do asesoramento empresarial e consultaría (14%), seguido polos servizos persoais, de saúde e benestar (13%) onde salientan as actividades de servizos sociais para persoas con diversidades funcionais ou cognitivas así como atención sociosanitaria. No sector da construción (7%) destaca a aposta pola economía circular a través do reciclaxe dos residuos e a reutilización dos produtos sobrantes.
A Deputación da Coruña fortalece con axudas a vertente TIC das novas empresas
Compartir Este Artigo
