Onte inaugurouse no Teatro Colón o acontecemento tecnolóxico Mobile Week Coruña e entre as moitas cousas que pon de manifesto o evento, púxose o foco na súa capacidade para mostrarnos vieiros de transformación dixital (vieiros necesarios e imprescindibles para acadar o progreso das nosas empresas, institucións e sociedade) e no seu papel reivindicador das potencialidades da Coruña como cidade tecnolóxica e innovadora. Nestas cuestións afondou o presidente da Xunta durante a apertura oficial de actividades (tal e como sinalamos onte dende Código) e nelas tamén insistiu o alcalde, Xulio Ferreiro, que sinalou que “a escolla da Coruña como primeira cidade fóra de Barcelona que acolle a Mobile Week referenda o traballo do Concello estes últimos anos a prol de avances tecnolóxicos que melloren a vida da veciñanza”.
Nun plano máis concreto, Ferreiro salientou os programas innovadores impulsados polo Goberno local como os cursos de alfabetización dixital, todos os procesos de participación dentro de A Porta Aberta para fomentar a democracia directa, o programa de Orzamentos Participativos ou o convenio coa Universidade InnovaCM 2030, dirixido a impulsar unha estratexia metropolitana para xerar unha economía sustentable.
Amais de Ferreiro, participaron no acto o director executivo da Mobile World Capital, Carlos Grau, o presidente do Club Financeiro Atlántico, Mariano Gómez-Ulla, así como o reitor da UDC, Julio Abalde, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e o da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Amais, tamén acudiron representantes de distintas empresas radicadas en toda área metropolitana.
Volvendo á intervención de Ferreiro, fixo un percorrido polas actividades coas que o Concello participa na Mobile Week, que se concreta nun convenio de colaboración económica e na cesión de espazos públicos e, tamén, na organización de dous obradoiros -un sobre e-textiles e outro dirixido a público xuvenil denominado Cacharreo tecnolóxico– a cargo dos Museos Científicos da cidade e de Bricolabs -que realiza actividades vinculadas á zona maker da Domus-, e unha mesa redonda arredor dos proxectos TIC que se están a impulsar dende unha perspectiva local e dende as administracións municipais, que organiza a Concellería de Participación e Innovación Democrática.
Esta charla, que terá lugar hoxe no Ágora ás 16.00 horas, aborda programas municipais relacionados coa innovación tecnolóxica e no ámbito do social. A edil responsable de Participación, Claudia Delso, afondará no proxecto Cidade Abertas: Plataforma de Goberno Aberto, no que están implicados os concellos da Coruña, Santiago, Zaragoza e Madrid e que foi seleccionado dentro da convocatoria de cidades intelixentes de Red.es.
A concelleira achegará tamén a experiencia do Co-Lab e a Forxa do Co-Lab, o laboratorio cidadán da Coruña, un espazo aberto para a posta en común de distintas capacidades, visións e coñecementos co obxectivo de deseñar e desenvolver accións para a mellora da contorna.
Pola súa banda, o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, presentará nesa mesa Coruña Dixital, unha iniciativa municipal para expandir na cidade novas prácticas culturas e creativas xurdidas dende as redes dixitais. Estarán tamén Alberto García por parte de Cartolab da Universidade da Coruña para introducir Emapic, un sistema que facilita a representación de coñecementos, opinións e sentimentos sobre un mapa; Brais Arias, representante de GPUL, entidade organizadora dos Hackatiños de Datos Abertos, un grupo de programadores e persoas usuarias de Linux, que defende a democratización do acceso á tecnoloxía mediante a reutilización do código para aprender, incrementar a privacidade e para mellorar o software; e Arantxa Serantes, do Proxecto Cousateca, unha biblioteca aberta a cousas de todo tipo que se desenvolveu no marco do Co-Lab.
O Concello da Coruña participa na Mobile Week con obradoiros maker e charlas sobre tecnoloxías abertas
Compartir Este Artigo
