A Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo) celebrou esta tarde unha xornada práctica sobre as posibilidades que se abren cos obxectos conectados e as tecnoloxías smart que os integran, os comunican e os interpretan. Estamos a falar do Obradoiro para a Dixitalización da Industria 4.0: Internet das Cousas (IoT) e Intelixencia Artificial para a mellora dos resultados e dos procesos empresariais. A cita, que se celebrou na sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra, foi desenvolvida en colaboración co IGAPE. Contouse cos testemuños de tres empresas galegas referenciais que expuxeron as súas experiencias no eido da Industria 4.0 para a mellora de resultados e procesos.
Estas experiencias coas tecnoloxías que buscan procesos máis sustentables, automatizados, eficientes e eficaces viñeron da man de Norlean Manufacturing & Produtividad, Data Monitoring e Enxine Devices and Developers, cuxos representantes detallaron aos asistentes diferentes casos prácticos.
A xornada comezou coa benvida de Luis Rey Fernández-Arruty, director de operacións de Ineo, que explicou as axudas á dixitalización e á adopción da Industria 4.0 quen pon en xogo o Instituto Galego de Promoción Económica, o IGAPE. Luis Rey tamén informou de que estes apoios terán continuidade a principios do 2019 e puxo a disposición dos presentes a oficina de proxectos de Ineo para tirarlles o máximo proveito. “Na nosa asociación”, dixo, “contamos cunha ampla experiencia neste tipo de tramitacións, e, concretamente, para a primeira convocatoria deste programa axudamos a máis de 10 empresas a solicitar estas axudas cunha taxa de éxito do 80%”. Amais, engadiu, a asociación contribuíu á segunda convocatoria apoiando a outras tantas empresas. “Estamos pendentes da resolución pero confiamos en continuar cos excelentes resultados que conseguimos para as nosas empresas”, explicou a maiores.
Pola súa banda, Daniel Prieto, de Norlean Manufacturing & Produtividad, comezou o seu relatorio cunha introdución á Industria 4.0 e as súas implicacións, facendo especial fincapé nas vantaxes que achega a dixitalización de face á optimización do traballo, a produtividade e o aumento da competitividade das organizacións. “Coas capas dixitais”, sinalou, “podemos analizar o comportamento de cada sistema produtivo para saber como afecta á conta de resultados o que estamos a facer, analizar en profundidade todos os datos e tomar as decisións de maneira axeitada”.
Nesta liña, Prieto presentou Norlean Operations Analizer (NOA), unha solución baseada no concepto de “xemelgo dixital” (que acuñou a NASA no ano 2012) e que permite que as fábricas poidan abordar procesos integrais de dixitalizacióna través da identificación dos escenarios máis óptimos e diferentes recursos para aumentar a produtividade.
Germán Feijoo, de Data Monitoring, centrou o seu relatorio nas vantaxes de Internet das Cousas aplicadas ao que se coñece como rastrexabilidade (ou trazabilidade). Para iso, debullou diferentes produtos e aplicacións que desenvolven o seu labor interconectados entre si para facer seguimento de máquinas e procesos en tempo real. Segundo fixo saber, a súa empresa detectou problemas en dous sectores: por unha banda perdas de tanques de leite en granxas e, pola outra, desabastecemento en depósitos de auga. Para o primeiro caso, Data Monitoring desenvolveu a ferramenta Datalac, enfocada á conservación e control da calidade do leite en explotacións gandeiras e para o segundo deuse forma a Datawater, para a monitoraxe e control dos niveis de auga en depósitos de consumo.
Feioo, a maiores do devandito, apuntou os beneficios destas solucións: aforro económico, coidado co medio ambiente, mellora da imaxe do cliente, tranquilidade, seguridade e flexibilidade. Ademais, analizou un proxecto piloto que están a desenvolver para o control dos barrís de adega para Estrella Galicia.
Ineo mostra as posibilidades da Internet das Cousas entre o noso empresariado
Compartir Este Artigo
