
Como dixemos, o fío temático foron as novas oportunidades que ofrecen as ferramentas e servizos da revolución dixital e as metodoloxías máis acaídas para subirnos ao carro destas ferramentas e servizos. Tamén se fixo fincapé en como abordar esta transformación e en como acadar o máximo proveito da flexibilidade laboral que pon en xogo a dixitalización das empresas.
Nun plano máis concreto, recordouse que as novas tecnoloxías poñen de manifesto que hai moitos traballos que, por repetitivos e rutinarios, xa non é preciso que sexan as persoas quen os desenvolva, senón sistemas informáticos e máquinas con sobrada capacidade para levalos a cabo. A idea, sinalouse na mesa redonda, “é que o noso cerebro fique dispoñible para facer outras cousas” máis creativas e satisfactorias persoal e laboralmente. “Humanicémonos, evolucionemos e adaptémonos aos novos tempos”, sinalou Edita de Lorenzo, doutora enxeñeira de Telecomunicacións amais de profesora do departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo, ademais de vicedecana do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG).
Pola súa banda, Tomás González, director xeral da Asociación Data Economy España, fixo unha proclama para perdermos o medo a romper co analóxico e mergullarnos no dixital: “O primeiro que cómpre facer no plan estratéxico de dixitalización é mentalizar aos profesionais da organización das vantaxes que supoñen para eles e para a empresa os datos, cuxa análise e aproveitamento son un camiño aberto para a eficiencia dos procesos produtivos, a competitividade e unha mellor posición o mercado e nos buscadores”. E engadiu: “Hai que ir máis a traballar esa barreira das persoas: o medo ao cambio e sacarlles da súa zona de confort”.
Na mesa tamén se tocou o tema da fenda de xénero no ámbito TIC. Eva López, que dirixe o Programa de Creación de Empresas da Universidade de Santiago de Compostela, subministrou un dato preocupante que convida á reflexión: cada ano segue descendendo de maneira exponencial o número de mulleres que se matriculan en Enxeñaría Informática ou escolas de enxeñaría. “Se as mulleres non estamos nas escolas de enxeñaría moito menos imos estar logo nas empresas”, sinalou.
Mobile Week Coruña fai un chamamento a perdermos o medo á dixitalización empresarial
Compartir Este Artigo
