O Concello de Lugo está a organizar unha serie de programas para previr as drogodependencias e os malos hábitos asociados ás novas ferramentas tecnolóxicas entre a mocidade. Unha destas actividades celebrouse a semana pasada, no Vello Cárcere, e veu con feitura de debate sobre redes sociais e xuventude. Na cita, inaugurada pola concelleira de Cultura, Carmen Basadre, abordouse de cheo a problemática dun uso das TIC sen supervisión e asesoramento e da violencia en calquera das súas manifestacións ligada ás novas tecnoloxías.
Nesta iniciativa participaron tamén o delegado de participación cidadá da Policía Nacional, Rubén Darío Veiga, e mailo o presidente da Audiencia Provincial de Lugo, José Antonio Varela Agrelo, amais de representantes das ANPA de Lugo e do Colexio Oficial de Piscoloxía de Galicia. Ademais, a charla contou coas intervencións e testemuños en primeira persoa de vítimas de ciberacoso e os seus familiares. A xornalista e redactora de Onda Cero, Lourdes Abuide, foi a encargada de moderar a mesa.
Esta actividade inseriuse no programa de obradoiros PREVILugo, destinados a levar valores educativos e de prevención de drogodependencias a centros educativos do concello. As xeiras de divulgación versan sobre educación afectivo-sexual, técnicas de estudo, novas tecnoloxías e bulling.
Tamén se ofrecen outras actividades como unha charla e documental, unha xornada sobre saúde na escola, un obradoiro dramatizado sobre o abuso das novas tecnoloxías ou un monográfico sobre a verdade do cannabis.
O programa foi presentado hai uns días pola propia Carmen Basadre, quen puxo o foco nun dos seus principais cometidos: fornecer á cidadanía, dende idades temperás, dunha ferramenta de traballo para fomentar en valores como a igualdade ou a non violencia. A iniciativa, amais de actividades como a desenvolvida no Vello Cárcere da que falamos antes, achega catro sesións diferentes para o alumnado de ESO e Bacharelato, a disposición dos centros participantes: sesións de educación afectivo-sexual, de técnicas de estudo, de acoso (bulling) e de novas tecnoloxías (facendo fincapé nos aparellos tecnolóxicos, nas redes sociais e nos xogos de apostas).
Así mesmo haberá charlas formativas, con material audiovisual e un debate sobre a temática exposta. Todos os centros interesados en solicitar estes obradoiros ou en obter máis información poden facelo na área de xuventude, no teléfono 982-297-269, ou ben na conta de correo da técnico deste servizo, mariajose.pena@concellodelugo.org.
Lugo quere pór freo á ciberviolencia e as adicións dixitais
Compartir Este Artigo
