Este 29 de novembro, Vigo convértese nun punto de referencia espacial en todo o sentido do termo: non só como cidade escenario concreto de actividades tecnolóxicas, senón tamén como cidade coa ollada posta no firmamento. O motivo? A celebración do encontro New Space España 2018 na sede de Afundación (rúa Policarpo Sanz 24-26), que xunta este xoves as principais empresas e institucións do sector espacial estatal: os representantes do que se coñece como new space, un novo paradigma que abre o espazo a empresas e organización que ata o de agora non tiveron ocasión de poñer o seu punto de mira alén das nubes, sobre todo porque os custes, elevados, non o permitían. Trátase dun evento pioneiro que pon o foco na democratización do espazo.
Baixo o título Oportunidades de negocio fóra da Terra, New Space España 2018 está organizado por Alén Space, o CINAE e a Universidade de Vigo, co patrocinio de ABANCA, Alter Technology Group, Arrow Electronics, Everis Aeroespacial, Defensa y Seguridad, GAIN (Axencia Galega de Innovación) e Wind One Advisors.
Entre os participantes salientan algunhas das principais empresas da industria aeroespacial española e de entidades e institucións cun protagonismo no sector: Airbus Space, Aistech Space, Alén Space, Alter Technology Group, CDTi (Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial), CINAE, Deimos Space, DHV Technology, Enisa, ESA (Axencia Espacial Europea), Everis Aeroespacial, Defensa y Seguridad, GAIN, GMV, Hisdesat, INTA (Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial), JME Venture Capital, PAE (Plataforma Tecnolóxica Aeroespacial Española), PLD Space, Satlantis, Thales Alenia Space e Universidade de Vigo.
Coo dixemos, unha das principais impulsoras do evento é Alén Space, unha spin-off da Agrupación Estratéxica Aeroespacial da Universidade de Vigo e que traballa desde hai máis de 10 anos na consultoría, deseño, fabricación e operación de pequenos satélites. O equipo de Alén Space, proxecto financiado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e acelerado por ViaGalicia, participou en 2012 no lanzamento de Xatcobeo, o primeiro nanosatélite español da historia. Desde entón, desenvolveu proxectos nos que colaborou con axencias e institucións espaciais como a Axencia Espacial Europea (ESA), a NASA, a Agência Espacial Brasileira (AEB) e a Oficina de Nacións Unidas para os Asuntos do Espazo Exterior (UNOOSA).
New Space España reúne en Vigo os principais axentes do sector espacial español
Compartir Este Artigo
