O Concello de Lalín vén de lanzar unha campaña dixital para reivindicar as capacidades diferentes e a diversidade. A cerna da iniciativa Lalín Diverso é un vídeo no que participan usuarias e usuarios dos colectivos locais e cuxo obxectivo é amosar como as diferenzas, no troques de afastar unhas persoas de outras, úneas e pon de manifesto as importantes capacidades de cada quen. A peza propón a participación da cidadanía mostrando o seu respaldo á iniciativa mediante a publicación de fotografías de apertas baixo a etiqueta #Abrazaadiversidade.
A campaña (segunda edición de Lalín Diverso) vén da man do Concello de Lalín e os colectivos AFEM Morea, ASPADeza, Working Wheels e ARANES. Segundo fixeron saber esta semana os responsables da iniciativa, a devandita peza audiovisual está a ser moi compartida nas redes sociais. O tenente de alcalde e concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, sinalou que a actividade terá o seu punto álxido o día 30, mañá, cunha conmemoración colectiva na praza situada diante da estatua de Joaquín Loriga e noutros puntos da vila. O edil puxo en valor “a importancia de actuacións deste tipo a prol da integración das persoas con diversidade funcional, destacando que non hai persoas con discapacidade, senón con capacidades diversas tal e como se amosará nunha xornada de diversión e sensibilización”.
O programa do día 30 deste mes comezará a partir das 12.00 horas, cunha concentración na Praza da Igrexa a prol da diversidade que, no caso de chuvia, trasladarase ao vestíbulo do concello. A partir das 17.30 horas, na carpa que se instalará na Praza de Loriga, terá lugar unha sesión de xogos cos clubs Atletismo Deza e Basquetdeza. Ás 18.15 masterclass con +Quedanza e, unha hora despois, baile inclusivo con ASPADeza. As actividades continuarán coa sesión de contacontos a cargo de O Correo do Vento, e finalizarán coa lectura dun manifesto pola diversidade (20.30) e coa proxección do vídeo Lalín Diverso e o derribo simbólico do muro dos prexuízos ás 20.45 horas.
O Concello de Lalín convida á veciñanza a darse apertas nas redes a prol da diversidade
Compartir Este Artigo

