A Cámara de Santiago organizou hoxe no viveiro de Costa Vella unha xornada sobre redes sociais e mercadotecnia dixital para emprendedoras e empresarias. A cita contou coa presenza de Javier Rocamora, experto en actividade empresarial ligada ás redes e nos diferentes recursos que se poden aplicar naquelas para mellorar resultados dun negocio. Segundo fixo saber, “o máis importante das accións que se poden desenvolver nas comunidades e servizos dixitais non é publicar moito, senón contar cousas interesantes para os potenciais clientes e sermos quen de xerar reaccións e establecer conversa”.
A actividade formou parte do programa de Apoio Empresarial ás Mulleres (PAEM), que desenvolve a Cámara compostelá co co-financiamento do Fondo Social Europeo (FSE), o Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades e a Cámara de Comercio de España.
O formador de mercadotecnia dixital Javier Rocamora impartiu a sesión, explicando a importancia de contarmos cunha estratexia definida para redes sociais, a elaboración dun plan de promoción en liña, o uso profesional e a xestión de contidos nas redes sociais, as claves do posicionamento SEO ou a publicidade nas novas canles e plataformas.
A xornada contou coa presenza de case medio cento de mulleres, ás que Rocamora convidou a elaboraren un plan para ter en conta “múltiples factores” nas súas estratexias de comunicación dixitais, “segundo o perfil da audiencia á que vos queirades dirixir”, ademais de “ter claro en que redes sociais interesa estar, que tipo de mensaxes se queren publicar e de que recursos se dispón”. E engadiu: “O máis importante é compartir cousas interesantes para os potenciais clientes e sermos capaces de xerar reaccións e establecer diálogo, a fin de contas a reputación en redes sociais non se basea tanto no que ti digas como no que os demais digan sobre ti”.

Javi Rocamora recomenda ás emprendedoras empregar as redes sociais para estableceren diálogo
Compartir Este Artigo
