A tecnoloxía galega Situm, innovadora plataforma de localización e navegación en interiores desenvolvida pola empresa do mesmo nome, vén de servir como ferramenta formativa de probas para a Escola de Especialidades da Armada España Antonio de Escaño. Máis polo miúdo, a experiencia da escola con Situm veu con feitura de simulacro de actuación fronte a un incendio a bordo da fragata Blas de Lezo. A actividade, segundo informa a empresa galega, permitiu comprobar como o sistema de posicionamento en interiores de Situm “favorece unha resposta máis controlada, coordinada e áxil” perante este tipo de incidencias en inmóbeis, vehículos de grandes dimensións ou, neste caso, buques de envergadura.
Na simulación verificouse, entre outras cousas, a importancia de termos localizada polo miúdo, sen marxe de erro, unha incidencia, neste caso concreto un lume que se propaga. Con este “pequeno gran detalle”, xunto coa coordinación dos membros do buque encargados da súa extinción mediante o seu seguimento en tempo real, verificouse e constatouse unha notable redución nas comunicacións por voz que adoitan ser precisas neste tipo de actuacións, o que favorece, pola axilidade que pon en xogo, a eficacia na reposta ante o lume.
Logo das probas, e durante a celebración dunha xornada sobre Intelixencia Artificial organizada na mesma Escola da Armada de Ferrol, apuntáronse ademais outras aplicacións prácticas do posicionamento en interiores ante situacións de emerxencias. Os participantes salientaron a utilidade desta tecnoloxía no caso de persoas que caen ao mar, favorecéndose a detección inmediata da caída e posibilitando a reacción ante a mesma no menor tempo posible. Tamén se destacou a funcionalidade do “botón do pánico”, coa que un efectivo podería notificar a súa posición xeolocalizada permitindo ao buque dar con el en pouco tempo aínda en ausencia doutras posibilidades de comunicación.
O comandante-director da escola, o capitán de navío Antonio Vallés Sales, destacou a innovación da proposta tecnolóxica de Situm, “ao nivel doutras solucións de aplicación de técnicas de automatización intelixente propostas por outras mariñas aliadas”.
Un simulacro na fragata Blas de Lezo demostra a eficacia de Situm perante un incendio
Compartir Este Artigo
