Seguen adiante os despregues o Plan de Banda Larga da Xunta, do que a firma R é adxudicataria, destinados a implantar redes ultrarrápidas nos polígonos que non dispoñen delas. Entre as contornas industriais onde se veñen de estrear este mes de novembro os novos equipamentos de FTTH (Fiber To The Home) figuran os de Agolada e A Cañiña, ambos na provincia de Pontevedra, o que implica que máis de 30 empresas das ditas contornas industriais dispoñen xa de acceso a Internet con velocidades de ata 350 Mpbs.
Segundo informa R, estas mesmas tecnoloxías chegaron tamén (previamente) a unha ducia de superficies fabrís pontevedresas: os recintos empresariais de Bueu, Caldas de Reis (Arcos da Condesa, Veigas de Almorzar e Forbesa), Cambados-Ribadumia (polígono do Salnés), A Estrada, O Grove, Meis (As Covas e Vilanoviña), Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Silleda, Tui, Vila de Cruces, Vilagarcía de Arousa (O Pousadoiro e Bamio), Vilanova de Arousa (Área Loxística de Baión e polígono de Tremoedo), Cangas, Meaño, Lalín, Moraña (Afieiras e Mirallos) e Salvaterra de Miño.
Logo do despregue levado a cabo pola operadora, estas contornas están xa conectadas a redes ultrarrápidas de Internet, de xeito que son 28 os polígonos pontevedreses beneficiados polo Plan dende que comezaron as actuacións en 2016.
A operadora R, amais do devandito parte informativo, tamén lembra que os polígonos acabados de de beneficiar poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 Mbps de baixada e 35 de suba, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.
R recordou tamén que, en virtude dos ditos equipamentos, pon a disposición das empresas dos polígonos “a tecnoloxía precisa para acometer a súa transformación dixital”. Ou sexa, servizos e solucións na nube como por exemplo a videoconferencia, o acceso á Internet das Cousas (IoT) ou os procedementos do que se coñece como Industria 4.0, vencellados a conceptos e metodoloxías como a eficiencia enerxética, o control de intrusións nas edificacións, os servidores virtuais e a analítica de datos (Big Data), entre outros eidos. “Todas estas cousas e outras moitas máis”, explicou a compañía de raizame galega, “son posibles grazas ás vantaxes das redes FTTH (Fiber To The Home) que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R”.
Prazos e orzamento
O Plan xa completou o despregue en 81 polígonos da Comunidade. En conclusión, en 2018 un total de 130 polígonos (concentrando case o 93% da superficie empresarial ocupada) disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs. Estes despregues supoñen un investimento total de 5,2 millóns de euros, dos que 3,4 son subvencionados pola AMTEGA e co-financiados ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
Plan de Banda Larga de Galicia 2020
O Plan de Banda Larga de Galicia 2020, aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta, asume os obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga por riba dos 100Mbps.
R leva redes ultrarrápidas aos polígonos da Cañiza e Agolada
Compartir Este Artigo
