O proxecto europeo a través do que se buscan tecnoloxías avanzadas para controlar e mellorar a calidade do ar, o proxecto TRAFAIR, conta con presenza galega no consorcio de nove organizacións de España e Italia que lle serve de alicerce. Trátase do CiTIUS da Universidade de Santiago, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Concello de Santiago. Segundo explica o centro compostelán de investigación TIC, o obxectivo e “desenvolver un novo método con capacidade para ofrecer aos cidadáns e as administracións unha estimación óptima do grao de contaminación do ar nas cidades, xerada en base ás diferentes condicións do tráfico a motor”.
Detrás de TRAFAIR, como dixemos, está un consorcio europeo integrado por nove organizacións de España e Italia, sendo o seu cometido común dar forma a solucións innovadoras para analizar a variabilidade nos fluxos do tráfico rodado. O seu obxectivo dar solucións tecnolóxico-dixitais efectivas para un dos grandes desafíos do noso tempo: o desafío dos problemas de saúde xerados pola polución nas cidades, un problema que deriva no falecemento en Europa de 400.000 persoas cada ano.
A orixe do proxecto está en 2013, cando a Comisión Europea (CE) deu a voz de alarma coa posta en marcha dun novo paquete de políticas de aire limpo (Paquete Aire Puro), que instaba aos Estados membros a tomar medidas para garantir unha boa calidade do aire e salvagardar a saúde pública. Con estas políticas establecíanse límites de emisións para un dos compostos máis contaminantes, o dióxido de nitróxeno (NON2), cuxa maior concentración procede do tráfico rodado.
Malia as medidas postas en práctica, a situación segue a ser crítica en cidades de países como España ou Italia, menos avanzados á hora de apostar por métodos de mobilidade máis limpos e sustentables para as súas cidades. Neste contexto de máxima urxencia xorde o proxecto europeo de investigación TRAFAIR, unha iniciativa conxunta entre administracións públicas e universidades de ambos os países que xunta esforzos para “comprender o impacto que teñen os fluxos de tráfico na calidade do aire”.
Segundo explica o investigador do CiTIUS José Ramón Ríos Viqueira, “a nova ferramenta combinará as condicións climáticas, os fluxos de tráfico e outras fontes de emisión para proporcionar unha estimación rápida e fiable do nivel de polución a escala urbana, validando os resultados cun sistema de sensorizado da calidade do aire innovador e de baixo custo”.
O novo servizo, froito dos resultados de investigación do proxecto TRAFAIR, despregarase nas cidades españolas de Santiago de Compostela e Zaragoza e as italianas Florencia, Módena, Livorno, e Pisa. O proxecto está liderado pola Universidade de Módena e Reggio Emilia (UNIMORE) e conta con nove socios, un total de catro institucións públicas por país e unha empresa de servizos. No que respecta á parte española, xunto ao CiTIUS participan tamén o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), o Concello de Santiago de Compostela e a Universidade de Zaragoza.
Santiago implícase no proxecto europeo para avaliar a calidade do ar
Compartir Este Artigo

