O Goberno da Deputación de Ourense aprobou a semana pasada unha subvención de 200.000 euros para impulsar, da man de Afundación, a posta en funcionamento do Centro de Innovación Empresarial de Ourense. Segundo lembrou a entidade provincial, esta iniciativa é froito dunha “alianza estratéxica” con Abanca para avanzar no programa Provincia Intelixente da Deputación e, nun plano máis concreto, habilitar no antigo edificio de Caixa Ourense (a Finca Sevilla, de máis de 8.000 metros cadrados) un centro para a creatividade tecnolóxica onde se alenten novas aplicacións e servizos relacionados coas TIC e as solucións municipais.
A Deputación tamén recordou que a primeira das empresas que se instalarán no recinto será Viewnext, filial da compañía IBM, con máis de 200 empregados.
Amais da achega 200.000 euros este ano que remata, 2018, a entidade provincial contribuirá cunha contía do mesmo importe para o vindeiro ano. A maiores, comprometeuse con ABANCA e Afundación a “realizar proxectos conxuntos no ámbito das novas tecnoloxías”, a través do IESIDE, na formación superior para a innovación e desenvolvemento dixital. O obxectivo deste centro e do programa no que se insire (Provincia Intelixente) é converter Ourense nun referente estatal e internacional en innovación smart.
Estes e outros datos foron dados a coñecer pola deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama.
Emprendemento xuvenil
O pulo ao Centro de Innovación Empresarial complementouse a semana pasada coa primeira presentación do proxecto EmprendOU-reto demográfico, que está dirixido aos concellos de menos de 10.000 habitantes para impulsar o autoemprego e emprendemento, no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo. En virtude desta iniciativa ofrecerase ás mozas e mozos de 16 a 30 anos unha axuda económica para darlles apoio durante a fase inicial dos seus proxectos.
A Deputación de Ourense achega 200.000 euros para impulsar o Centro de Innovación Empresarial
Compartir Este Artigo
