Valida, a tecnoloxía forense que axuda a detectar a fraude documental (é quen de localizar todo tipo de manipulacións nun amplo abano de arquivos multimedia), estará presente na edición 2019 do salón Consumer Electronics Show (CES), que se celebra esta semana (ata o día 11) en Las Vegas (Estados Unidos). A devandita tecnoloxía, como lembraremos, é froito dun proxecto innovador impulsado por Gradiant e AtlantTIC (Universidade de Vigo) e encádrase na loita común de entidades, administracións, empresas e organizacións a prol dunha contorna dixital máis segura.
Permite ás empresas avanzar no camiño da protección en liña, poñendo en xogo recursos eficaces que operan de maneira automática: avaliando polo miúdo calquera tipo de documento de identidade (incluíndo a maiores nóminas, facturas ou recibos) e axudando na detección de posibles ataques de suplantación.
Esta innovación de Gradiant poderá verse por primeira vez no Eureka Park (na caseta 52917 do Sands Expo), un espazo específico dentro da feira Consumer Electronics Show (CES 2019) onde as empresas máis prometedoras mostran as súas innovadoras solucións tecnolóxicas. O centro galego lembra que non é a primeira vez acode a esta cita, xa que en 2018, tivo ocasión de presentar, no mesmo espazo, os detalles da súa tecnoloxía sinatura biométrica. En palabras de Daniel González, director da área de Información Multimodal de Gradiant, “ser seleccionados por segundo ano consecutivo para participar nun evento desta importancia internacional confirma a valía das tecnoloxías de Gradiant, e pon de manifesto a preocupación real das empresas e da sociedade pola fraude documental”.
A tecnoloxía galega para previr fraudes documentais poderá verse no CES
Compartir Este Artigo

