O proxecto europeo Lifetec, impulsado polo centro AtlantTIC (Grupo de Sistemas de Radio) da Universidade de Vigo para tirar proveito das máis avanzadas tecnoloxías da información na localización de lumes e na loita contra eles de maneira máis eficaz, está a piques de entrar nunha fase moi relevante do seu desenvolvemento: unha fase de aplicación práctica do acadado ata o de agora. Segundo informa a UVigo, os responsables de Lifetec probarán in situ as súas tecnoloxías nas comarcas de Deza e Tabeirós-Montes. Isto será posible grazas a un convenio de colaboración co consorcio de bombeiros da devandita contorna. O acordo foi formalizado entre o reitor Manuel Reigosa e o presidente do Consorcio Contraincendios das Comarcas de Deza e Tabeirós-Montes, Ramiro Varela.
O obxectivo desta alianza é, como dixemos, testar a fondo as tecnoloxías desenvolvidas nos primeiros meses de vixencia do proxecto, que serven para reducir o tempo de detección dos incendios forestais e mellorar a eficiencia e a seguridade das brigadas contra incendios facilitando as comunicacións e a xeolocalización das mesmas.
Segundo explica Verónica Santalla, investigadora principal de Lifetec, vanse probar sobre todo os equipos de comunicacións que están a xerar para as brigadas que traballan na extinción de incendios. Tamén fai saber que as primeiras probas levaranse a cabo este verán e, tras realizar as melloras precisas, volveranse realizar no verán de 2020. O equipo agarda ter os primeiros prototipos listos en maio, para despois comezar coa formación dos bombeiros.
Santalla engade que coas novas tecnoloxías que se están a fraguar no proxecto Lifetec conseguiríanse cousas de valor como optimizar a comunicación das brigadas coa base central. A investigadora explica que tanto os walkie-talkies como a telefonía móbil poden perder a cobertura, “pero a nosa idea é que os equipos empreguen a rede sistemas de comunicación dixitais móbiles non comerciais con estándar Tetra (TErrestrial Trunked Radio), do operador galego RETEGAL”, que, ademais de asegurar a comunicación, permite ter xeolocalizados os equipos en todo momento.
Estes sistemas irán embarcados nun vehículo de mando do consorcio de bombeiros con funcións de posto de despacho de xestión de achado de efectivos.
Máis detalles sobre Lifetec
Lifetec, que bebe das fontes de Meiga, proxecto previo para tirar proveito das TIC no achado e loita contra os lumes, pon en xogo elementos eficaces para que o tempo que se adica a localizar incendios e combatelos sexa o mínimo posible. En Lifetec tamén participan a axencia autonómica AMTEGA, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (Meteogalicia), o Instituto Português do Mar e da Atmosfera (IPMA) e operador público galego RETEGAL.
Segundo nos contan as entidades responsables de Lifetec, o proxecto aborda dúas grandes vertentes de traballo: primeiro, unha adicada a diminuír o tempo de detección do lume, mediante radares meteorolóxicos, e segundo, outra encamiñada a incrementar a seguridade dos recursos humanos que traballan na extinción de incendios, mediante a localización dos mesmos e a transmisión da súa posición e posibles alarmas por incidencias, a través dunha rede radio con cobertura de abondo nas zonas nas que operan estes efectivos.
Como dixemos, o proxecto está liderado polo Grupo de Sistemas de Radio e conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros e unha duración de tres anos, de xeito que os primeiros resultados e implantacións en campo estaban previstos para este ano 2019, tal e como agora se confirma nas ditas comarcas de Pontevedra.
Entre os principais puntos fortes da tecnoloxía de Lifetec atópase a súa capacidade para contar con máis información precisa e con intervalos mínimos de actualización, e tamén o seu potencial para ficar plenamente operativa aínda en condicións atmosféricas adversas. De feito, o sistema posto en xogo por AtlantTIC sería quen de “ver” os lumes dende o seu inicio, achegando un importante factor de “detección temperá” que non sería posible cos recursos actuais empregados polos radares meteorolóxicos. Isto conséguese co desenvolvemento de algoritmos específicos de detección.
Lifetec probará as súas tecnoloxías anti-lumes en Deza e Tabeirós-Montes
Compartir Este Artigo

