Máis de medio centenar de emprendedoras e emprendedores recibiron en Porto do Molle (Nigrán) as acreditacións dun curso impartido pola Fundación INCYDE que os acredita como especialistas en comunicación dixital. A actividade formativa tivo os seguintes obxectivos: adestrar ao alumnado en estratexias de comunicación comercial e en plans de mercadotecnia online, formalo en métodos eficaces para situar marcas e empresas en redes sociais e capacitalo para optimizar as comunicacións entre os membros dun equipo de traballo.
O curso realizouse durante o último trimestre nas sedes dos viveiros que xestiona a Zona Franca de Vigo na Granxa e en Porto do Molle.
Esta mañá, a alcaldesa do Porriño, o alcalde de Nigrán, o delegado de Zona Franca e a directora de proxectos FEDER do INCYDE, repartiron os correspondentes diplomas acreditativos e asistiron á presentación de dous plans de empresa desenvolvidos como traballo final destes cursos que estiveron subvencionados con fondos FEDER.
Na cita, o delegado de Zona Franca, David Regades, felicitou aos novos titulados por “ser persoas que demostraron o seu interese en optimizar e especializarse en competencias no eido da mercadotecnia dixital e no aproveitamento efectivo das redes sociais”, formación que, segundo fixo saber, “vailles permitir incrementar a súa calidade profesional e mellorar a súa empregabilidade”. E engadiu: “Quero transmitirvos que podedes contar con Zona Franca para acompañarvos no voso desenvolvemento profesional e que en calquera do tres viveiros que xestionamos ou nos espazos de coworking traballamos para que o voso talento frutifique e se enraíce na área de Vigo”.
INCYDE e a Zona Franca formaron medio centenar de persoas en comunicación dixital
Compartir Este Artigo

