A entidade público-empresarial Red.es, cuxo cometido é velar polo impulso tecnolóxico do ensino, a sociedade, as institucións e o empresariado, vén de facer balance do acadado ao longo da súa andaina en materia docente. No reconto de datos achegado pola entidade inclúese (entre outras cousas) a cifra do finalmente investido por Red.es ao longo da historia para “mellorar a educación a través das novas tecnoloxías”: 427 millóns de euros. Isto foi posible en boa medida grazas ao co-financiamento dos fondos FEDER. Esta cifra e o informe do que forma parte deuse a coñecer con motivo da celebración (hoxe) do Día Internacional da Educación, proclamada o ano pasado pola ONU.
O balance, que se presenta baixo o epígrafe FEDER e Red.es: 16 anos de alianza para impulsar a modernización da Educación a través das TIC revela que 260 dos 427 millóns devanditos foron achegados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional ( FEDER). O dossier debulla os obxectivos e fitos logrados polos principais programas postos en marcha pola entidade con axudas europeas no ámbito da educación, todos co nexo común de ter sido impulsados con diferentes administracións, empresas e entidades empresariais (con comunidades, con cidades autónomas, con outros ministerios, concellos e institucións ligadas ao ensino, e tamén coa industria).
En termos máis concretos, Red.es resume as principais cifras de iniciativas como Internet na Escola, Internet na aula, Campus en Rede, Educación en Rede, Plan de Menores na Internet ou RedIRIS- Nova, así como doutras actuacións concibidas para comunidades autónomas específicas.
A entidade lembra que grazas a estes investimentos, dotouse aos centros educativos da tecnoloxía e conectividade necesarias para “aproveitar o universo dixital e impulsar unha educación innovadora, moderna e de calidade”, ao tempo que se favoreceu a adaptación do profesorado a estes cambios e se formou ás novas xeracións no emprego das ferramentas dixitais. O informe detalle como ao abeiro destes programas instaláronse nas aulas dos centros de ensino centos de miles de PC, portátiles, tabletas, vídeo-proxectores, encerados dixitais e redes de área local.
Red.es investiu ao longo da súa andaina 427 millóns na educación TIC
Compartir Este Artigo

