AGADIC colabora coa Fundación Paideia Galiza na organización dunha nova edición das súas xornadas arredor da industria musical, que baixo o título Fotografía, turismo e innovación na música en directo, abordará o impacto do sector dos concertos e festivais no desenvolvemento de eidos tan diversos como o fotográfico, o turístico ou o tecnolóxico.
O obxectivo é favorecer o intercambio, aprendizaxe, reflexión e debate sobre o papel, en moitas ocasións bastante descoñecido, dos profesionais que se dedican a estes ámbitos relacionados co sector da música.
As xornadas arrancarán o vindeiro xoves 31, ás 19:00 horas, nos Estudios Mans da Coruña coa sesión dedicada á fotografía na música en directo. Nesta mesa intervirán como relatores Javier Rosa e Juan Pérez Fajardo, ambos os dous recoñecidos fotógrafos de importantes festivais a nivel nacional e internacional. A moderadora será a fotógrafa galega Cris Andina, tamén especializada en fotografía musical e recentemente galardoada co terceiro premio dos IPA Spanish Awards na categoría de retrato.
Como nas anteriores edicións desta iniciativa, tras o debate e o intercambio co público, terá lugar un showcase dunha banda emerxente, que neste caso estará protagonizado por Marés Sonoras.
Nas súas dúas seguintes citas, as xornadas Fotografía, turismo e innovación na música en directo trasladaranse á sede da Fundación Paideia Galiza na praza de María Pita da Coruña. Alí terá lugar o xoves 28 de febreiro unha sesión arredor do impacto da música en directo no desenvolvemento turístico, para a que se contará coas intervencións de Miguel de la Cierva, director de El Náutico do Grove; Simón Valentín Bueno, ex-alcalde de Villarobledo, sede do Festival Viña Rock; e Adrián Rodríguez, director do Festival Sueños de Libertad de Ibiza. Moderará o debate Fran Núñez, investigador especialista en metodoloxía de avaliación de eventos culturais e codirector do equipo que desenvolveu os estudos de impacto económico, social e mediático de varios festivais para FEST Galicia, a marca creada pola Xunta para a promoción do territorio galego como destino musical seguindo criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade social.
Nesta xornada actuará o grupo Inversión, mentres que na do 28 de marzo Allova tocará tras a xornada dedicada á innovación tecnolóxica. A manager Patricia Hermida, codirectora de MMF Spain, será a encargada de moderar o debate no que participarán Almudena Heredero, directora de Primavera PRO; Dania Débora, directora de Womad España, e Nacho Sánchez, CEO de InQbarna.
A entrada para estas tres citas é de balde, previa inscrición vía web.
A Fundación Paideia achegaranos á innovación na música en directo
Compartir Este Artigo

