O programa Primeira Oportunidade, posto en marcha pola Deputación de Lugo para favorecer o emprego xuvenil a través das propias necesidades laborais da entidade provincial, vén de coller un importante impulso ao seu desenvolvemento: o inicio da actividade profesional das 23 mozas e mozos que comezaron a beneficiarse do devandito programa. As e os participantes mantiveron hoxe un encontro co presidente provincial, Darío Campos Conde, co voceiro Álvaro Santos Ramos, e coa deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo.
No transcurso da xuntanza, os novos empregados que veñen de incorporarse á institución provincial asinaron os seus contratos laborais. Campos Conde deu a benvida ao novo equipo de profesionais e sinalou que “con esta programación de emprego tratamos de ofrecer experiencia a mozos que remataron os estudos e buscan acceder ao mercado laboral, así como a persoas que non tiveron a oportunidade de traballar no sector no que se formaron, ao mesmo tempo que reforzamos os servizos da Deputación, podendo ofrecer unha mellor atención aos cidadáns”.
Na devandita liña, o presidente lembrou a necesidade de “reter o talento lucense e evitar a fuga de talento”, un problema “ao que damos resposta”, sinalou, “poñendo en marcha esta liña de emprego”.
Como lembraremos, a través desta iniciativa, o Executivo Provincial ofrece a posibilidade de ter unha primeira experiencia laboral a mozas e mozos acabadas e acabados de titular en formación profesional e graos impartidos na provincia de Lugo, así como a persoas que, malia ter traballado noutros eidos, non tiveron a oportunidade de desenvolverse no seu ámbito profesional específico
Os perfís contratados dentro do Plan de Primeira Oportunidade son:
– Graduado en administración e dirección de empresas
– Técnico superior en administración e finanzas
– Técnico superior en desenvolvemento de aplicacións web
– Técnico superior en marketing e publicidade
– Técnico superior de artes plásticas e deseño en fotografía artística
– Titulado superior en deseño gráfico
– Técnico superior en administración de sistemas informáticos en rede
– Técnico superior en asistencia á dirección
– Enxeñeiro agrónomo
– Enxeñeiro técnico en topografía
– Técnico en xestión forestal e do medio natural
– Enxeñeiro técnico agrícola
– Graduado en humanidades
– Técnicos superior en sistemas de telecomunicación e informáticos
Dúas ducias de persoas comezan a traballar coa Deputación de Lugo en xestión, creatividade e TIC
Compartir Este Artigo

