O Concello de Santiago presentou onte o seu Plan Estratéxico Talentia 2019-2021, que ten o obxectivo de “dinamizar o emprego partindo do talento”, en Compostela e contorna. O acto, celebrado no Hostal dos Reis Católicos, estivo presidido polo alcalde, Martiño Noriega, e nel participaron a concelleira de Desenvolvemento Económico, Marta Lois; o responsable do Comité Executivo de FINSA, Fernando Segade, e o responsable de Innovación da firma local de telecomunicacións Televés, José Manuel Álvarez. Ademais, asistiron preto de 90 persoas de empresas de Santiago.
Segundo se explicou, Talentia 2019-2021 desenvolverase en tres etapas: primeiro impulsando capacidades a nivel local e galego, logo abranguendo un eido máis estatal e finalmente traspasando fronteiras. Sobre este último punto, o obxectivo é que o plan complemente o impacto económico en Compostela derivado en parte da celebración do Ano Santo 2021.
Unha das claves da intervención do alcalde foi a estratexia empresarial. Compostela, dixo, “é unha capital cun tecido industrial cun gran potencial de crecemento e precisamente dende a Mesa pola Reindustralización, impulsada pola Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, o Concello leva acompañando as estratexias e iniciativas que se van consensuando para especializar e fortalecer a nosa economía, apostando polo sector da biotecnoloxía e a madeira”. Segundo engadiu, “o reto é pasar do 5,85% do PIB na industria a conseguir ese obxectivo do 9% que nos marcamos para 2020”.
O plan presentado onte nos Reis Católicos ten a súa orixe no evento Talentia 2018, foro celebrado o pasado 13 e 14 de novembro no Palacio de Congresos, onde se mostrou un importante potencial á hora de xuntar persoas candidatas a formar parte das empresas, por unha banda, e empresas á procura de fichaxes, pola outra. O foro, que xuntou máis de 3.500 asistentes nas dúas xornadas, xurdiu da necesidade extra de contribuír ao desenvolvemento das competencias e da formación tecnolóxico-dixital para a empregabilidade e para dar a coñecer as iniciativas públicas e privadas implicadas no fomento, xestión e retorno do talento. Trala xuntanza de novembro, está previsto que se celebre unha nova edición de Talentia, entre o 21 ao 23 de outubro. O primeiro día estará enfocado a público experto, organizacións e empresas. E os dous días seguintes o foro estará aberto a aquelas persoas que estean demandando emprego. Poñeranse en marcha unha ampla oferta de actividades dispoñibles para certificar, formar, proxectar e conectar o talento.
Santiago envórcase co talento novo e a súa capacidade para innovar nas empresas
Compartir Este Artigo

