
A base de MatHex é un taboleiro formado por hexágonos inspirado no clásico xogo de mesa HEX creado polos matemáticos John Nash e Piet Hein, que, segundo lembra a USC, achégase cunha mestura de preguntas relacionadas coa devandita disciplina “dende moitas ópticas”, que pasan pola resolución de problemas ata preguntas sobre historia, “cunha parte moi destacada dedicada ás mulleres matemáticas”.
Respecto do funcionamento da proposta, é un convite a completar un camiño de baldosas que conecten co lado oposto do taboleiro: cada baldosa que conquistemos é unha resposta correcta nun tempo fixado. Gañará quen consiga que o seu avatar sexa o primeiro en completar o camiño entre as dúas beiras.
A versión beta, que en futuras edicións irá ampliando as preguntas e os idiomas, presenta cinco niveis de dificultade, incluíndo un especial para nenos e nenas de 7 a dez anos. Polo de agora están activos os modos Persoa contra persoa e Persoa contra máquina, con máquinas con tres niveis de destreza. En datas vindeiras porase en marcha o modo en liña para xogar con opoñentes a distancia.
MatHex é froito dos docentes Elena Vázquez Abal, José Carlos Díaz Ramos, Víctor Sanmartín López e Esteban Calviño Louzao, membros do grupo de innovación docente GrID-A/ XD da USC. Contaron tamén coa colaboración de CHOCOSOFT no desenvolvemento e programación do xogo e de ADUMBRO no deseño gráfico e da interface.
Matemáticas da USC lanza MatHex, videoxogo de balde para espertar o noso talento
Compartir Este Artigo

